RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Sorrisos e bágoas no desconto (2-2)

O Deportivo continúa invicto en LaLiga 1|2|3 após sumar un novo empate en Tenerife, onde protagonizou un final de infarto, ao adiantarse na prolongación pero encaixar o 2-2 na última acción dun partido que dominou con claridade na primeira metade pero que empatara merecidamente o cadro local na segunda.

Natxo González, adestrador deportivista, repetiu o once titular que presentou na vitoria colleitada a pasada fin de semana en Almendralejo.

Antes de cumprirse o primeiro minuto, Quique gozou dunha ocasión clarísima, ao cabecear por riba do traveseiro, completamente só ao bordo da área pequena, un fenomenal centro de Diego Caballo.

No minuto 10, o que acariñou o gol foi Carles Gil, quen nun precioso disparo con efecto co seu pé esquerdo topouse co poste dereito da portería de Dani Hernández.

Catro minutos despois, o colexiado sinalou penalti a favor do Deportivo, nunha acción confusa na que Borja Valle acabou no chan após un agarrón de Alberto cando entraba ao remate ante Jorge Sáenz. Quique, todo sangue frío, bateu polo centro da portería a Dani Hernández para colocar o 0-1 no marcador.

O resto da primeira metade desenvolveuse con dominio alterno e escasas chegadas á área por parte de ambos os equipos. A maior sensación de perigo cada vez que roldaba a portería contraria deuna o Dépor.

A segunda metade comezou coa ocasión máis clara do conxunto local até ese momento, nun disparo lonxano do hondureño Bryan Acosta que se marchou alto por escasos centímetros.

Cinco minutos despois, mellorou prestacións o Tenerife, nunha chegada pola esquerda de Camille, que serviu o balón á área, onde o serbio Filip Malbašić rematou ao primeiro toque. Dani Giménez estivo espléndido para despexar o perigo.

Na seguinte acción, de novo foi protagonista Dani Giménez, ao anticiparse a un pase da morte de Nano.

Tanto foi o cántaro á fonte, que acabou rompendo no minuto 53. Bryan Acosta superou ao meta galego nun disparo lonxano, após unha parede con Naranjo.

Buscou solucións Natxo González coa entrada de Pedro por Quique. Pero o Tenerife seguiu chegando. Ao fío da hora de xogo, Malbašić quedou só ante Dani Giménez pero cruzou en exceso o seu disparo, que se marchou pola liña de fondo.

A partir de aí, o Dépor sacudiuse o dominio chicharrero e aos poucos foi achegándose de novo aos dominios de Dani Hernández. Como nun saque de esquina que Didier Moreno, que suplira a Pedro Mosquera, cabeceou alto.

Co lóxico baixón físico do Tenerife polo seu volcánica reacción na segunda metade, o Dépor tratou de conxelar o encontro e esperar a que chegase a súa oportunidade.

Esta produciuse no minuto 87, nunha recuperación de Diego Caballo en tres cuartos. O ex fabrilista conectou con outro ex xogador do filial, Edu Expósito, e este deixou a Pedro só ante o porteiro tinerfeño. O alacantino tratou de definir por entre as pernas de Dani Hernández, que amorteceu o disparo. Aínda que o balón seguiu cara á portería fíxoo tan mansamente que a defensa chegou para afastar o perigo.

No tempo engadido desatouse a tolemia. Primeiro co tanto de Borja Valle, co que o Dépor adiantábase. O berciano bateu a Dani Hernández cun durísimo e preciso disparo cruzado após recibir un pase en profundidade de Didier Moreno.

O propio Borja Valle foi sancionado cunha falta no extremo dereito do ataque canario, xusto cando se cumprían os tres minutos de tempo engadido que marcara o cuarto árbitro. O colexiado deixou sacar a falta, na que Jorge Sáenz devolveu o empate ao marcador ao cabecear o esférico no segundo pau.

Nesta ocasión, o colexiado xa nin permitiu o saque de centro e decretou o final do encontro.

Con este empate, o Deportivo segue invicto en LaLiga 1|2|3, sumando 5 puntos cos que liquidou este inicio con 3 encontros fóra de casa debido ás obras no Estadio ABANCA-RIAZOR.

O recinto coruñés albergará o primeiro encontro da temporada en casa o vindeiro domingo 9 de setembro (20:45 horas, Movistar Partidazo) fronte ao Sporting de Gijón.

CD Tenerife: Dani Hernández, Luis Pérez, Jorge Sáenz, Carlos Ruiz, Camille, Alberto (Nano, min. 46), Luis Milla, Bryan Acosta (Borja Llarena, min. 79), Joao Rodríguez (Suso Santana, min. 67), Naranjo e Malbašić.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Bóveda, Diego Caballo, Álex Bergantiños, Pedro Mosquera (Didier Moreno, min. 63), Vicente Gómez, Carles Gil (Edu Expósito, min. 75), Quique (Pedro, min. 54) e Borja Valle.

Goles: 0-1 Quique, de penalti (min. 15); 1-1 Bryan Acosta (min. 53); 1-2 Borja Valle (min. 90+2); 2-2 Jorge Sáenz (min. 90+4).

Árbitro: Figueroa Vázquez (c. andaluz). Cartón amarelo a Alberto (min. 28), Álex Bergantiños (min. 32), Pedro Mosquera (min. 42), Joao Rodríguez (min. 43) e Bryan Acosta (min. 57).

Incidencias: partido correspondente á 3ª xornada de LaLiga 1|2|3 disputado no Estadio Heliodoro Rodríguez López ante 12.139 espectadores.