RCD / NOVAS

"Temos un reto moi esixente e esixímonos gañar fóra", afirma Vicente Gómez ante a visita ao Cádiz CF

20/12/2018 18:37

Vicente Gómez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, onde respondeu as preguntas dos xornalistas.

Sobre a dificultade do encontro deste sábado ante o Cádiz CF no Ramón de Carranza (20:45 horas, Movistar Partidazo), o centrocampista dixo que "para nós cada día é importante, pero é certo que queremos terminar o ano ben". "Até o momento a temporada está a ser boa e que mellor maneira de acabar ben que gañar a un equipo que igual é o que está máis en forma estes dous últimos meses. É unha boa ocasión para despedir o ano en ascenso directo, que é o que queremos", engadiu.

O rival deportivista, aínda que vén de perder en Málaga, sumou 7 vitorias consecutivas nas 7 xornadas anteriores. Vicente quixo dar mérito aos resultados logrados polo cadro cadista. "Falamos de que a Segunda sempre é moi igualada, o que fixo o Cádiz é moi complicado e un aviso para os que nos enfrontamos contra eles. Facer 7 de 7 é moi complicado nesta categoría", apuntou o xogador canario.

A cantidade de xornadas sen coñecer a vitoria fóra de casa tamén foi obxecto de análise. "Non nos obsesiona. Como todo, é mellorable. Temos un reto que é moi esixente e esixímonos gañar fóra. Hai que ocuparse en tentar que a situación cambie un pouco", comentou Vicente, que tamén deixou claro que "se seguimos na dinámica de Majadahonda, o máis normal é que máis pronto que tarde cheguen as vitorias fóra de casa".

Preguntado sobre o seu rendemento individual, Vicente foi sincero. "É verdade que non estou ao mesmo nivel que antes da lesión, pero isto é así, son picos de rendemento. Non me preocupo porque con minutos, con partidos e con tempo todo irá chegando", explicou.

Cuestionado sobre a idoneidade dun empate na visita ao Cádiz CF, Vicente non o dubida: "Eu sempre penso en saír a gañar". De todos os xeitos, o xogador canario matiza que "logo depende da dinámica do partido e as circunstancias que se dean e xa un pode valorar se o empate é mellor ou peor. Nós temos un obxectivo que é ambicioso e por tanto temos que saír a facer as cousas ben e a gañar"

Por último, Vicente Gómez falou da súa aterraxe na Coruña e no Deportivo, onde asegura atoparse "moi cómodo".

"O Dépor é un club moi familiar, no que todo o mundo rema na mesma dirección. Desde o afeccionado até calquera empregado sabe o importante e difícil que é este obxectivo. Chámame a atención para ben o positivismo que se respira. A cidade é moi manexable e a xente moi acolledora. Tamén me chama a atención que cando me paran pola rúa pregúntanme como me atopo na cidade, case non me falan do equipo. Iso fala moi ben da xente da Coruña", analizou Vicente Gómez.

Máis novas de: VICENTE GÓMEZ