RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tino Fernández: "non somos o mellor equipo. A realidade é que somos un equipo máis que ten que pelexar todos os días"

Após a presentación da restauración da obra de Lloréns que protagoniza Virgilio no Museo de Belas Artes, Tino Fernández, presidente do Real Club Deportivo, atendeu a cuestións de actualidade ante os medios de comunicación. Nestes últimos días de decembro fixo balance de 2018: "non é o mellor ano dos últimos, a verdade é que é triste porque é o do descenso aínda que terminamos coa esperanza e a ilusión de remontar e volver a primeira canto antes, pero a noticia principal foi esa. Xa estamos no seguinte desafío".

Sobre o último partido xogado este ano recoñece que "despois de Cádiz todos quedamos un pouco tristes xusto agora para o descanso, para este parón, pero estou razoablemente satisfeito. O noso reto é colocarnos máis arriba de onde estamos, loitar polas prazas de ascenso directo e se podemos ser campións, mellor. A liga é longa por iso temos dous inimigos: a falta de humildade, o crernos máis que os demais, que non o somos e o segundo, a ansiedade. Hai que chegar ao final da competición e temos un moi bo grupo. Quero saírme desa historia que din os rivais, máis para debilitarnos que outra cousa, de que somos o mellor equipo. A realidade é que somos un equipo máis que ten que pelexar todos os días a tope para buscar nosa mellor versión con ansia de gañar todos os días. A realidade é que non fomos o mellor equipo en ningunha das xornadas porque en ningunha estivemos primeiros e estivemos moi poquitas veces segundos. Imos pelexar e a acabar o ano con ilusión".

Profundando na análise cre que "en Cádiz non foi o día. Agora que é momento de facer balance acórdaste máis doutros puntos como os do primeiro partido en Albacete ou Córdoba, con actuacións arbitrais negativas e discutibles, o día de Tenerife que te pos por diante e vólvenchos a levar, ou recentemente o partido do Numancia que eu creo que tiña que ser un partido que se nos puxo moi de cara e non o soubemos matar. Pero imos mirar cara a adiante porque estamos aí no grupo formado por bastantes equipos que estaremos na melé até o final".

Sobre o mercado en portas de inverno recoñece que "non hai ningunha operación encima da mesa. Estamos contentos co grupo futbolístico e humano. Creo que non vai haber grandes cambios e se os hai serán provocados por saídas ou oportunidades concretas que consideremos moi interesantes para reforzar ao equipo. Temos un grupo suficiente e primeiro o que temos é que cada un dunha versión mellor se é posible e recuperar a algúns xogadores que tiveron pouco protagonismo, caso Fede Cartabia polas lesións, por exemplo. Aí poden estar as nosas bazas porque temos un equipo competitivo para loitar polo obxectivo e non necesita grandes axustes".

Onde si os haberá é no filial, situado na zona de descenso de Segunda B: "a importancia de que o Fabril se manteña é máxima aínda que está a cousa complicada. Parécenos o mellor sitio para que estea o noso filial e imos facer todo o posible para que así sexa. Até agora os resultados non se deron e a metade do cadro do ano pasado sae por diferentes circunstancias, algúns por éxito (catro están en Segunda División con papel protagonista en Segunda: Francis, Borja Galán, Diego Caballo e Edu Expósito) e os que viñeron non están a dar o mesmo nivel. Fáltanos ese punto e imos fichar, os movimentos serán máis numerosos que no primeiro equipo, que se os hai só serían axustes", concluíu.