RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tristeza branquiazul na zona mixta da Rosaleda

Os futbolistas branquiazuis que se pasaron pola zona mixta da Rosaleda (Celso Borges, Luisinho e Florin Andone) mostraron a súa tristeza despois de caer no último minuto dun partido cualificado polos propios xogadores deportivistas como "aberto", "tolo" e "disputado".

Florin Andone, que volveu marcar por terceira vez consecutiva, apunta que "dominamos creo que todo o partido. Pero xogas en casa dun rival forte, dun rival que ten xogadores moi bos. Ao final con pequenos detalles fixéronnos catro goles".

O internacional romanés recalca que agora "toca levantar a cabeza, toca estar xuntos, estar unidos, traballar máis que nunca para reverter a situación. Estou seguro que a semana que vén en casa (luns 5 de decembro, 20.45 horas, ante a Real Sociedade) faremos un bo papel".

Apunta Andone que o Dépor "demostrou moita personalidade, xogou moi ben, tivo a pelota e tivemos a iniciativa. Pero ao final o resultado quedou aquí".

Pola súa banda, Luisinho definiu o encontro na Rosaleda como "moi aberto, moi disputado polos dous equipos. Tivemos a desvantaxe do 3-1 pero co 3-3 estabamos máis preto de facer o 4-3. Na última xogada, o golazo deles e non puidemos facer nada máis".

Opina que o Dépor arrincou o choque "da mellor maneira, con 0-1. Sufrimos logo, pero no segundo tempo co 3-1 estaba perdido e logo co esforzo todo do 3-3, sofres o gol no último minuto e quedas triste".

Finalmente, Celso Borges subliñou que o partido foi "tolo pero sen desorde". O internacional costarriqueño recoñece que "a situación é complicada para nós. O que conta ao final é sumar puntos".