RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Vicente e o debutante Valín piden agora "focalizar todo no seguinte partido"

O canario Vicente Gómez e o debutante coruñés Jorge Valín atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Estadio Gran Canaria.

O '8' branquiazul pide "ser consciente que estamos nunha situación complicada. Desde o día de hoxe, non pensar máis no partido este e focalizar todo no seguinte. Temos que mellorar moitas cousas. Espero que si. Por calidade individual que vexo cada día nos adestramentos hai que pasalos ao campo para mellorar".

Ovacionado pola inchada amarela, viu aos deportivistas "atenazados ao principio. Non hai practicamente nada que perder. Hai que tentar ter máis desenvoltura. Tentámolo a raiz do 1-0. Pero logo a balón parado, co gol de Pekhart cambiounos o partido e non fomos capaces de darlle a volta na segunda parte".

Recoñece Vicente que "estamos nun momento no que todo sae mal. E os días que estás ben como o do Almería non es capaz de gañar. É complicado pero teño esperanzas polo que vexo todos os días adestrando, coa calidade dos meus compañeiros. Agora hai que dar un paso adiante e pensar xa no seguinte adestramento, en todo o que temos que mellorar. Espero que así sexa".

Insiste en que non é un drama estar abaixo na clasificación "porque hai tempo para todo. A camiseta do Dépor soa non vai saír da situación na que estamos. Hai que facer autocrítica. Ser conscientes que non estamos ben. A partir de aí estar unidos porque a situación non é a que nos gustaría a todos".

Preguntado polo obxectivo, subliña que "desde o primeiro día era ir día a día, partido a partido. E máis que nunca agora o día a día. Temos tantas cousas que mellorar que hai que focalizar no próximo adestramento e así aos poucos. Facendo tantas cousas mal é imposible pensar no futuro".

Pola súa banda, o coruñés Jorge Valín lembrará este día en toda a súa carreira, porque supuxo o seu debut no primeiro equipo. "Contento por debutar. É un soño para min desde pequeniño. Por esa parte estou contento", confesa.

Agora ben, recoñece que "o resultado do partido é malo. Non podo estar todo o feliz que me gustaría no día de hoxe".

O lateral destro deportivista apunta que o vestiario está "obviamente triste polo resultado e polos resultados que vimos colleitando. Pero isto é longo, moi longo. Está a empezar. Só queda seguir traballando e non mirar atrás. Centrarse no que vén e non no que acabamos de facer. Iso é pasado".

Desexaría ter continuidade pero "o único que penso é en traballar, xa sexa no Fabril ou no primeiro equipo. Non é algo que teña na cabeza".