RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Villares asegura que o vestiario "sabía que a derrota ía chegar" e ve o venres "un bo momento para dar outro golpe na mesa"

Diego Villares pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo minutos antes de arrincar o adestramento diario do Dépor.

O futbolista galego asegura que, após a primeira derrota en liga do pasado domingo en Salamanca, "o vestiario segue estando unido. O equipo sabía que este momento ía chegar, aínda que parecía que iamos gañar todo. Ao final a derrota tiña que chegar antes ou despois. Tomámolo como outro momento calquera. O venres é un bo momento para dar outro golpe encima da mesa e volver gañar en ABANCA-RIAZOR; e con eses 3 puntos seguir sumando".

O pasado domingo en Salamanca fronte ao Unionistas CF admite que "igual estivemos algo faltos de ideas, sobre todo na segunda parte; e na primeira por mor do seu primeiro gol, que nos descolocou algo. Nesa segunda metade tivemos claridade para sacar o balón e chegar a tres cuartos de campo, pero neses últimos metros faltounos un último pase.... Ideas máis que outra cousa".

De feito, é consciente que o Dépor atoparase con varios rivais similares ao equipo salmantino en canto ao seu comportamento no campo: "Imos atoparnos bastantes partidos como este, sobre todo fóra de ABANCA-RIAZOR. En casa é distinto porque é o noso campo, coñecémolo máis por dimensións e #ANOSAFORZA tamén aperta".

Diego Villares regresou no Estadio Reina Sofía ao centro do campo despois de pasar polo lateral dereito en anteriores actuacións. Para o canteirán branquiazul, "esa confianza que me transmite Borja desde o primeiro momento, por exemplo o outro día que tiven que xogar aí no lateral, desde fóra pode parecer 'vaia marrón tocoulle a este'... É verdade que ocupando outras posicións non sempre te sentes tan cómodo. Onde máis cómodo me sinto é no centro do campo pero sentir esa confianza do adestrador, ver que podes actuar en calquera posición cando o equipo o necesita, para a miña é gratificante sobre todo".

O polivalente xogador deportivista confesa que "todas as semanas" hai ganas de xogar en ABANCA-RIAZOR. "Esta fin de semana puido verse a #ANOSAFORZA que se desprazou a Salamanca, era un ambiente espectacular, tanto a nosa afección como a de Unionistas. Temos ganas de volver a ABANCA-RIAZOR. Este venres (ás 21:00 ante a SD Logroñés), esperamos que se poida rozar ese cento por cento do aforo permitido", apunta.

Finalmente, en canto ao seu futuro, Diego Villares recalca que a negociación co Deportivo "vai chegar a bo porto, esperemos que canto antes mellor; pero tampouco temos présa ningunha porque a miña cabeza está no Dépor e espero seguir aquí moitos anos".