RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Villares reitera a súa intención de quedar no Dépor: "Ao final o acordo vai chegar, sexa antes ou despois"

Diego Villares atendeu aos medios de comunicación esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O centrocampista branquiazul apunta que, "a pesar de non ter partido a fin de semana, o equipo puido adestrarse con normalidade tanto a semana pasada como esta; e aínda que non puidésemos xogar o domingo, tivemos un adestramento entre nós para seguir preparados. Vexo ben ao equipo".

Preferise ante o Extremadura UD "seguir xogando e seguir competindo para seguir facendo as cousas como estabamos a facer até agora. Pero tampouco (o non xogar) teríase que notar. É unha semana de parón que non xogas, pero tampouco máis".

Do partido deste domingo 21 de novembro (12:00 horas Footters) no Cerro del Espino ante o CF Rayo Majadahonda, cre que "vai ser un partido complicado como fóra de ABANCA-RIAZOR están a selo a maioría. É un bo campo no que imos poder practicar o noso fútbol. Esa vai ser nosa base, desde o balón como até agora tentar facerlles dano".

En canto ao seu futuro, asegura estar "moi tranquilo e o Club tamén. Temos boa relación e repito o que xa dixen, que a miña intención é quedarme aquí e por parte do Dépor tamén hai predisposición a que así sexa. Entón imos chegar a un acordo e as dúas partes tranquilas".

Subliña que "ao final o acordo vai chegar, sexa antes ou despois. Aínda nos queda tempo e estamos tranquilos".

O futbolista branquiazul admite non estar afeito "vivir ese tipo de cousas. Foi algo novo para min que me custou asumir pero xa falei co Club, co meu axente, con todo o mundo e a situación está en calma xa".

Preguntado pola categoría, opina que "o nivel é superior ao pouco que puiden vivir o ano pasado"; ademais de destacar que, a nivel persoal, esta temporada "estou a adquirir un rol distinto, xogando un pouco máis atrás, tendo máis protagonismo co balón. Iso creo que me pode axudar". "Sempre xoguei un pouco máis adiante. O que me gusta desta posición máis atrasada é o contacto co balón, que é maior nos partidos. Iso axúdame a estar conectado no xogo e axudar ao equipo", engade.

Finalmente Villares pide tranquilidade con máis de media liga por diante: "Non podes dar por sentado nada porque hai que xogar, quedan moitos partidos e moita temporada. Como agora vainos todo ben, en calquera momento pode cambiar. Esperemos que non, que todo siga así, pero tampouco podemos asegurar nada a novembro que estamos".