RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Vitoria para seguir a tiro do obxectivo (2-1)

O Deportivo impúxose ao CF Rayo Majadahonda, ao que fulminou en ABANCA-RIAZOR con dous goles no primeiro cuarto de encontro e ao que contivo con solidez pese ao asedio dos minutos finais, para sumar tres puntos cos que segue a tiro do obxectivo.

Borja Jiménez, técnico branquiazul, realizou tres cambios con respecto ao once presentado o pasado domingo ante o RC Celta B. Josep Calavera, William de Camargo e Noel López entraron no equipo inicial en detrimento de Jaime Sánchez, o lesionado Diego Aguirre e o sancionado Alberto Quiles.

Comezou o Dépor con ganas de encerrar ao seu rival e na primeira ocasión que tivo abriu o marcador. Após un par de chegadas á área sen remate, Adrián Lapeña cabeceou ao fondo das mallas unha falta colgada á área por Juergen Elitim no minuto 6.

Os deportivistas controlaron o partido no tramo inicial. Aínda que non se prodigaron na creación de ocasións claras, tiveron máis tempo a pelota que o CF Rayo Majadahonda e impediron calquera achegamento do conxunto madrileño aos dominios de Mackay.

Un centro de Diego Villares ao segundo pau, onde chegou Héctor Hernández cuxa cabezada cruzada foise lambendo o poste esquerdo da portería visitante. Corría o minuto 9. No 22 chegou o 2-0. Jorge Casado derrubou a Noel, que recibía de costas no punto de penalti un pase de Mario Soriano após roubar un balón no extremo esquerdo deportivista e o colexiado castigou a infracción con penalti. William transformouno con abraiante tranquilidade, deixando sentado a Nereo Champagne.

Unha nova falta pechada de Juergen Elitim que peiteou no primeiro pau Lapeña, esta vez por riba do traveseiro no minuto 26, foi o preludio do primeiro disparo visitante en todo o encontro, xusto cando se cumpría a media hora. O zurdazo de Nando desde 25 metros foise ás nubes. De novo unha falta lateral colgada por Juergen Elitim cabeceouna Lapeña, esta vez peiteada e excesivamente cruzada, no minuto 35.

Outro disparo alto de Javi Gómez desde o bordo da área precedeu a unha clara ocasión para o Dépor. Foi no minuto 41, nunha gran acción individual de Noel após recibir un balón longo de William no extremo dereito. Practicamente na liña de fondo, o canteirán fabricouse a posición de tiro coa súa zurda e o seu disparo raso, case sen ángulo, desviouno Nereo Champagne coa xema dos dedos.

Nos instantes finais do primeiro período, Javi Gómez tivo nas súas botas a mellor oportunidade visitante, pero nin controlou nin rematou un balón raso de Ángel Bastos desde a dereita ao punto de penalti. Mario Soriano recortou na área pero disparou frouxo a mans do porteiro na última acción do acto inicial.

A segunda metade comezou con triplo cambio no CF Rayo Majadahonda, que a pesar diso mantivo a súa disposición táctica inicial, un debuxo 4-4-2. Non variou en exceso o guion do partido, pero o conxunto majariego atopouse co gol no minuto 54, nunha acción a balón parado. Jorge Casado remachou na área pequena o rexeite de Mackay, que cunha gran parada evitou o tanto en primeira instancia nunh potente e colocada cabezada de Borja González na segunda xogada dun córner.

Aínda que o tanto provocou que o Dépor dese un pequeno paso atrás, o CF Rayo Majadahonda non foi capaz de xerar ningunha acción clara de perigo nos seguintes minutos. Si o fixeron os herculinos, que nunha internada de Héctor Hernández no minuto 65, o valisoletano meteu un balón desde a linea do fondo á área pequena, onde ninguén conseguiu rematar nin despexar, e o coiro acabou a pés de William, que controlou a pelota e tratou de colocala rasa xunto ao pau esquerdo da meta madrileña, pero estrelouna na parte exterior da rede.

A formación majariega comezou a dominar con maior insistencia nos últimos vinte minutos. Precisamente no minuto 70, Mario García culminou unha veloz arrancada polo centro cun lanzamento afastado á esquerda do marco coruñés. Tres minutos máis tarde, Álvaro Vega cabeceou mansamente un balón chovido na área pequena, a mans de Mackay. A mesma sorte correu, case de inmediato, unha cabezada de Héctor Hernández, o homónimo visitante do lateral esquerdo deportivista, despois dun centro desde a dereita nun rápido contragolpe.

Os minutos finais deixaron o empuxe do once visitante no seu intento de lograr o empate, aínda que a zaga deportivista afastou o esférico en todas as ocasións en que entrou na área coruñesa.

Con esta vitoria, o Dépor continúa na segunda posición, a 9 puntos do líder, o Real Racing Club de Santander, e con 7 respecto ao sexto clasificado, o UD Logroñés.

RC Deportivo: Mackay, Diego Villares, Lapeña, Borja Granero, Héctor Hernández, Josep Calavera (Rafa de Vicente, min. 77), Álex Bergantiños, Juergen Elitim, William (Álvaro Rey, min. 85), Noel e Mario Soriano (Doncel, min. 70).

CF Rayo Majadahonda: Nereo Champagne, Ángel Bastos (Manny Alexander, min. 84), Álvaro Vega, Jorge Casado, Philip Osei (Borja González, min. 46), Javi Gómez (Héctor Hernández, min. 46), Mario García, Jesús Bernal (Tropi, min. 46), Nando, Néstor Albiach (Mawi, min. 70) e Rubén Sánchez.

Goles: 1-0 Lapeña (min. 6); 2-0 William, de penalti (min. 22); 2-1 Jorge Casado (min. 54).

Árbitro: Guillermo Conejero Sánchez (c. estremeño). Cartón amarelo a Philip Osei (min. 25), Mario García (min. 56), Rubén Sánchez (min. 73) e Álvaro Vega (min. 80).

Incidencias: partido correspondente á 30ª xornada do grupo 1 de Primeira RFEF disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 11.583 espectadores.