"Por veces, pénsoo… Que vos trae aquí? Con frío, vento… ninguén vos obriga. Mesmo hai domingos nos que prometedes non volver e o luns xa estades rabiando por que chegue o seguinte partido. É que con vós non se pode dar nada por sentado". Así comeza a peza audiovisual que o RC Deportivo lanzou con motivo dos seus cento vinte anos de historia. Un anuncio protagonizado por deportivistas de diferentes perfís e localizado integramente no Estadio ABANCA-RIAZOR.
Unha voz en off pregúntalle aos afeccionados que é o que lle fai levantarse unha e outra vez. A paixón, o orgullo, o compromiso ou o inconformismo son algúns dos valores que o explican. Con todo, destaca un deles: a teimosía, a calidade daquel que teima, como o define a Real Academia Galega, que insiste, que é perseverante, resistente e tenaz.
Ao final da peza, descóbrese que quen fala é un dos asentos do estadio, que cada domingo tenta entender o significado do deportivismo e que acaba concluíndo que co Dépor e a súa afección, non se pode dar nada por sentado.
Dépor: 120 anos sen dar nada por sentado
Ao longo dos seus 120 anos de historia, o RC Deportivo construíu algo que vai moito máis alá dos resultados deportivos: unha relación única coa súa afección, profunda, emocional e interxeneracional, que sostivo ao club nos momentos máis difíciles e impulsouno nos máis grandes. Porque se algo fai verdadeiramente único ao Dépor é a súa xente: unha afección fiel, orgullosa e comprometida, que non se explica sen o club... e un club que, precisamente por iso, nunca deu nada por sentado.
Así o demostrou ao longo da súa historia, alcanzando fitos cando ninguén o esperaba, desde a conquista dunha Liga histórica até xestas como o 'Centenariazo', lembrando sempre que o importante non é o que se presupón, senón o que se loita. Porque cando outros dan algo por feito, o Dépor compite, insiste e cre.
Así, o RC Deportivo conecta a súa identidade co inconformismo e a teimosía: unha maneira de entender o fútbol e a vida desde a resistencia, a ambición e a convicción de que nada está garantido. O éxito, nese camiño, non é casualidade, senón o resultado do esforzo, a responsabilidade e uns valores profundamente arraigados. Porque, "cando non dás nada por sentado, podes lograr todo".
Despois de todo o vivido, o Club entende que na construción de calquera proxecto nada se regala. Este 120 aniversario non é só unha celebración, senón tamén unha declaración de intencións: pór o foco no presente, aprender do camiño percorrido e proxectarse cara ao futuro. O compromiso co escudo asúmese como unha honra e unha responsabilidade, guiado pola excelencia, o respecto e a responsabilidade coa Coruña e Galicia.
Ficha técnica:
TÍTULO: Dépor, 120 anos sen dar nada por sentado
Axencia: IMAXE
Directores creativos: Jorge Alonso e Belen Graña
Producer axencia: Susana Moya Torrado
Director: Pablo Arreba
Dop: Marino Pardo
Xefe de produción: Andrés Nadal
