RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

A nova DéporTienda de ABANCA-RIAZOR integra deseño e tecnoloxía para mellorar a experiencia dos deportivistas

O RC Deportivo abriu as portas da súa nova tenda oficial en ABANCA-RIAZOR este venres 17 de abril coa presenza de Yeremay Hernández, Luismi Cruz, Millene Cabral e Noé González, que asinaron autógrafos e fotografáronse con todos os deportivistas que se achegaron a este renovado espazo branquiazul.

O proxecto, desenvolvido por Noumena Group, representa unha transformación integral baseada no estudo de data a través de ferramentas de IA, materiais sustentables e un deseño innovador que conecta coa identidade deportivista. Esta visión multidisciplinar converte a tenda oficial en moito máis que un punto de venda, configurándose como unha experiencia inmersiva aliñada coas tendencias máis avanzadas do retail deportivo europeo.

A proposta integra tecnoloxías de análises de datos e intelixencia artificial a través de Noumena Data. Ademais, o novo concepto espacial, liderado por LAMAQUINA e deseñado por External Reference, introduce unha narrativa visual e emocional conectada coa identidade do club e a súa contorna atlántica. 

Entre os elementos máis destacados atópase unha gran estrutura en forma de onda, inspirada na marea branquiazul e o vínculo histórico do Deportivo co mar, concibida como símbolo do sentimento deportivista. Esta gran onda está formada por plásticos reciclados (PETG) mediante impresión 3D robótica, o que reduce o impacto ambiental e fomenta a economía circular.

 

A tenda tamén integra solucións avanzadas de purificación do aire grazas á tecnoloxía PureTech, cuxos materiais son capaces de capturar e transformar contaminantes como CO₂ e NOx, contribuíndo a mellorar a calidade ambiental do espazo.

A renovación da DéporTienda de ABANCA-RIAZOR enmárcase na estratexia global do Club para construír un ecosistema innovador que combina infraestruturas físicas e dixitais, en liña con proxectos recentes como a ampliación do Dépor Training Center, o nacemento do Dépor Museo & Tour ou as novas áreas de hospitality do estadio, Club Riazor e Bar Bruma.

Con esta apertura, o Deportivo dá un paso máis no seu obxectivo de consolidarse como un club de referencia non só no ámbito deportivo, senón tamén en innovación, sustentabilidade e conexión coa súa afección.