RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

A afección envórcase co Deportivo 2001 - 2002

O público non fallou a pesar de que o tempo non acompañou na presentación do Deportivo da Coruña 2001-2002. Miles de deportivistas envorcáronse co seu equipo que formou ante eles por primeira vez esta tempada.Galería da presentación

Gandy -un dos compositores do himno do Deportivo- introduciu aos xogadores branquiazuis que foron formando no campo ante uns afeccionados envorcados. Os deportivistas saltaron ao terreo de xogo por liñas:

Molina, Nuno, Dani Mallo, Manuel Pablo, Héctor, Naybet, Hélder, César, Djorovic, Romeu, Manel, Capdevila, Donato, Sampaio e Mauro Silva foron os primeiros en oir os aplausos de Riazor, seguidos de Duscher, Emerson, Jaime, Víctor, Amavisca, José Manuel, Fernando, Scaloni, David Pirri, Valerón, Djalminha, Makaay, Changui, Turu, Iván Pérez, Pandiani, Tristán e Fran. Todos eles seguidos dunha pechada ovación. Corpo técnico e Consello de Administración pecharon a comitiva.

Unha vez formados no centro do campo, Fran, Irureta e Augusto César Lendoiro dirixíronse ao público.

Fran deu a benvida aos seus novos compañeiros e agradeceu á afección e a todo o equipo o traballo e apoio da pasada tempada. O capitán branquiazul apelou aos seguidores a seguir animando ao equipo nesta campaña.

Javier Irureta destacou o gran apoio do público, crucial nos éxitos pasados e para os vindeiros. Ademais, vaticinou bos resultados para a próxima tempada.

Augusto César Lendoiro deu a benvida a todos e fixo balance das pasadas tempadas. A participación en Champions, o aumento de número de socios, o crecemento do Grupo Deportivo, que traballará polo ben da Coruña, de Galicia e de todo o deportivismo foron algúns dos puntos que destacou o presidente branquiazul. A Cidade Deportiva de Abegondo, a inauguración da Deportienda e os próximos proxectos foron outros dos puntos de interese que comentou o máximo dirixente branquiazul. Augusto César Lendoiro manifestou que o Deportivo "é un Club que se ilusiona co seu pasado pero sobre todo co seu futuro" e augurou novos éxitos na Copa, na liga e na Champions: "oxalá que alá polo mes de maio esteamos en Glasgow".

A presentación do persoal branquiazul foi retransmitido a todo o mundo a través de internet coa WebCam de Canaldeportivo.com. Desta forma os afeccionados que non puideron estar en Riazor viviron o acto en directo.