RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAHISTORIA

A familia de Antonio González, ex xogador e ex presidente do RC Deportivo, cede a súa extensa colección fotográfica ao Club

A familia de Antonio José González Fernández cedeu ao RC Deportivo, ao que estivo vinculado durante varias décadas como xogador, directivo e presidente, o seu extenso arquivo fotográfico.

O Club dixitalizou preto de 200 imaxes, que se suman ás máis de 100 que hai uns anos cedera o seu fillo Ignacio González Pereira, aquelas relacionadas única e exclusivamente co seu paso como xogador polo equipo de hockey patíns do RC Deportivo.

Entre os dous centenares de imaxes atópanse moitas do Trofeo Conde de Fenosa, do cal foi impulsor, e dun partido moi sinalado na memoria deportivista, o do ascenso a Primeira en 1971 contra o Rayo Vallecano. Tamén figura un material audiovisual inédito da viaxe que o Deportivo realizou a Venezuela en xaneiro de 1969 para disputar en Caracas o Torneo de Reyes fronte ao Sporting Clube de Portugal e ao FC Spartak Trnava checoslovaco.

O segundo presidente máis lonxevo de #ANOSAHISTORIA

Antonio González, que faleceu o 24 de novembro de 2001, hai hoxe 22 anos, é un dos grandes personaxes da historia do deporte na Coruña e Galicia. Nacido na Coruña o 1 de febreiro de 1928, González foi un atleta multidisciplinar que xogou nos equipos de hockey patíns e de fútbol do RC Deportivo. Co conxunto balompédico chegou a xogar 15 partidos en Primeira División entre 1951 e 1953, após dar os seus primeiros pasos no Varela Silvari SD, a Unión Sportiva de Santa Lucía e o CD Juvenil. Tamén competiu a alto nivel en pelota vasca, na modalidade de cesta punta.

A súa relación co RC Deportivo continuou como Directivo (foi Vogal entre xullo de 1958 e xaneiro de 1959) e Secretario (de xullo de 1959 a maio de 1963). Entre medias, foi adestrador interino do primeiro equipo durante uns días, a comezos de 1959, trala destitución de Ernesto Pons e antes da fichaxe de Hilario Marrero, aínda que non chegou a dirixir partidos oficiais.

González tamén exerceu como presidente do CD Juvenil. Presidía o club orixinario da Fábrica de Armas no momento da súa fusión co Fabril previa á súa integración definitiva como filial deportivista en 1964.

O 25 de abril de 1965, González gañou as primeiras eleccións da historia do RC Deportivo, que presidiu até o 2 de xullo de 1973. Durante o seu mandato o equipo logrou tres ascensos a Primeira División e sufriu outros tantos descensos a Segunda. Na súa mellor temporada, a 1968-69, o Deportivo dos Joanet, Luis, Belló, Manolete, Cervera, Loureda e Beci acariñou a clasificación para a Copa da UEFA. Os 8 anos, 2 meses e 7 días que González presidiu o RC Deportivo convérteno no segundo máximo mandatario máis lonxevo nos case 117 anos de existencia do Club.

Durante a súa presidencia impulsou a creación do Trofeo Conde de Fenosa, conseguindo un feito insólito en 1971: traer á Coruña ao FK Torpedo Moskva nun momento no que non existían as relacións diplomáticas entre España e a Unión Soviética.

Igualmente, González foi presidente do Club Unión Sportiva desde 1952 até o día do seu falecemento, en 2001. Exerceu como máximo mandatario da Federación Galega de Patinaxe e foi o primeiro presidente non catalán da Federación Española de Patinaje (1972-1984). Tamén impulsou a creación da CERS (Confederación Europea de Patinaxe), que dirixiu desde o seu nacemento en 1975 até 1982. Finalmente, tamén foi o primeiro presidente, en 1987, da AFAC, a Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña, até 1996.

Como ceder material ao Club?

O RC Deportivo ten abertas as portas a calquera afeccionado, a calquera descendente de xogadores, técnicos ou empregados, que desexe achegar o seu gran de area á reconstrución e conservación de #ANOSAHISTORIA.

Para poñerse en contacto co Departamento de Comunicación do RC Deportivo, encargado de xestionar o material histórico, o teléfono das oficinas é o 981259500. A dirección das mesmas é Praza de Pontevedra, 19, 1º e atópanse abertas de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.