A iniciativa Brazaletes Solidarios impulsada pola RC Deportivo Fundación está dedicada este mes de abril ao Asperger, en colaboración coa Asociación Galega de Asperger (ASPERGA).
Desta maneira, o RC Deportivo e os seus afeccionados demostran que a súa grandeza vai moito máis alá do fútbol.
A través dos brazaletes que lucirán o primeiro equipo masculino e o feminino durante o mes de abril, o obxectivo é dar visibilidade á síndrome de Asperger, unha condición que forma parte do Trastorno do Espectro Autista (TEA); sendo unha maneira diferente de percibir, procesar e relacionarse co mundo.
Esta causa convídanos a mirar máis aló, a comprender, a respectar e a seguir construíndo unha sociedade máis inclusiva.
O fútbol e o Depor tamén é isto: compromiso, empatía, unión. Trátase de utilizar a forza dun escudo e dunha afección para dar voz a quen o necesitan.
Así, xa este sábado 4 de abril, nun ABANCA-RIAZOR cheo até a bandeira, non só xogarase un partido. Tamén se xogará algo aínda máis importante: o apoio, a visibilidade e o respecto cara a todas as persoas con asperger e as súas familias.
Cada aplauso será tamén por eles, cada xesto sumará, cada latexado contará.
O proxecto Brazaletes Solidarios é unha iniciativa innovadora e con alto valor social, deseñada pola RC Deportivo Fundación para dar visibilidade a distintas causas solidarias ao longo dos 10 meses de competición da temporada.
O mes de outubro o brazalete solidario estivo dedicado á saúde mental a través de FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia); o de novembro, á infancia con Dignidade Galicia; o de decembro á discapacidade a través de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade); o de xaneiro, á educación coa ONG EDUCO; o de febreiro á loita contra o cancro coa Asocación Española contra o Cancro; e o de marzo ao Día Internacional da Muller e o Día Internacional contra o Racismo coa Fundación Vicente Ferrer.
