RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

ABANCA-RIAZOR abriu as súas portas ao CEIP Curros Enríquez e ao CEIP Gándara de Sofán nunha nova xornada de 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis'

Medio centenar de alumnos de 6º de Primaria do CEIP Curros Enríquez, da Coruña, e do CEIP Gándara, de Sofán (Carballo), puideron gozar na mañá de hoxe mércores dunha nova xornada de 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis', que tivo como escenario o Estadio ABANCA-RIAZOR. Os rapaces tiveron o privilexio de compartir parte da mañá con dúas xogadoras do Dépor ABANCA, Lía e Ali Muñoz.

Os alumnos de ambos os centros gozaron dunha visita guiada polas dependencias interiores de ABANCA-RIAZOR. Posteriormente, recibiron unha charla acerca da historia do Dépor a cargo do xornalista de La Opinión de A Coruña Carlos Miranda, autor do libro '110 % Branquiazul', apoiado no arquivo recompilado polo ex conselleiro Pachy Dopico e que conta coa revisión e autorización por parte do RC Deportivo.

Finalmente, chegou a sorpresa, coa aparición de Lía e Ali, que contestaron a todas as preguntas dos pequenos e asináronlles postais dedicadas e mesmo as camisetas branquiazuis aos moitos alumnos que acudiron ataviados con elas. A xornada finalizou coa foto de familia, que nesta ocasión tivo que facerse no túnel de vestiarios por culpa da intensa choiva que caía este mediodía sobre ABANCA-RIAZOR.

A experiencia branquiazul destes rapaces concluirá no partido ligueiro do Dépor en ABANCA-RIAZOR fronte ao Nàstic de Tarragona, o sábado 16 de febreiro ás 16:00 horas.