O Estadio ABANCA-RIAZOR acolleu a celebración do Dépor Sponsor Day, unha xornada de encontro e agradecemento a todas e cada unha das empresas patrocinadoras e colaboradoras do RC Deportivo.
O evento, aprazado hai quince días polo loito no RC Deportivo após o falecemento de Arsenio Iglesias, desenvolveuse fundamentalmente na sala de prensa do Estadio. Antes de acceder á mesma, todas as persoas convidadas foron recibidas na Área 1906 polos directivos do Club e polo sete títulos oficiais da entidade. Após o paso pola zona de bancos e escoitar pola megafonía e os videomarcadores a aliñación de luxo que conforman todas as empresas Deportivistas, arrincou o encontro.
O presidente do RC Deportivo, Antonio Couceiro, deu a benvida e as grazas a todos os patrocinadores do Dépor, lembrando as liñas mestras do actual proxecto branquiazul. Após el, o director xeral, David Villasuso e os directores de desenvolvemento de negocio, Massimo Benassi, comercial, Ignacio Dopico, e de comunicación, Gabi Barrós, analizaron as cifras máis destacadas do Club nesta temporada, detallando algunhas novidades para a próxima e presentando os resultados da enquisa de satisfacción completada polos propios patrocinadores nas últimas semanas.
Carlos Cantó, conselleiro do RC Deportivo, realizou un relatorio sobre as tendencias do patrocinio deportivo, antes de que Álvaro Enriquez, CEO de Duacode, pechase os primeiros 90 minutos do evento valorando a experiencia da súa empresa como patrocinadora do Dépor, especialmente do Dépor ABANCA e Genuine. A parte expositiva da xornada concluíu no Palco de Honra do Estadio coa demostración por parte de AIM Sports de todas as posibilidades que ofrece a LED perimetral instalada no campo Deportivista.
O Dépor Sponsor Day pechouse cun xantar no Andén do Atlántico 57, dentro da complexo Playa Club, antes de que todas as persoas convidadas regresasen ao Estadio ABANCA-RIAZOR para vivir en directo o Dépor-Algeciras.
