RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

Aclaracións do Real Club Deportivo da Coruña respecto ao Trofeo Teresa Herrera

O Real Club Deportivo nega rotundamente que se vendeu o Trofeo Teresa Herrera ao Real Madrid, nin no 2007, nin en futuros anos.

Desde hai meses, o Deportivo e o Real Madrid celebraron numerosas reunións coa presenza dos Presidentes de ambos os equipos, co único fin de alcanzar o acordo definitivo entre eles para a participación do Real Madrid no Decano dos trofeos, o que viría constituír un dos grandes espectáculos das Festas da Coruña.

É vontade de ambos os dirixentes, e dos seus respectivos clubs, que o Real Madrid dispute o Trofeo Teresa Herrera 2007, pero séguense estudando as distintas posibilidades de chegar a un acordo polas moi elevadas cantidades que supón a organización do gran evento futbolístico, que podería ser o mellor Trofeo do Mundo do verán próximo.

O Real Club Deportivo quere agradecer a boa disposición do Presidente do Real Madrid, Ramón Calderón, que decidiu a participación da súa entidade no próximo Teresa Herrera, que en calquera caso contará coa organización do Real Club Deportivo, que reservará todos os dereitos que lle corresponden protocolariamente ao Concello da Coruña.

O Real Club Deportivo quere aclarar, ante as desafortunadas informacións de distintos medios, que a obrigación de organizar o Trofeo Teresa Herrera foi unha imposición do Concello no Convenio e non unha petición do Club, sabedor de que a organización lle custaba ao Concello uns dous millóns de euros (máis de 300 millóns das antigas pesetas) e de que o Deportivo cobraba o mesmo que o Club participante que máis cobrase.