RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

"Dura" derrota ante a Real Sociedad B dun Dépor que tivo "ocasións de todo tipo"

O Dépor caeu por 0-3 ante a Real Sociedad B este sábado 13 de decembro en ABANCA-RIAZOR, nun encontro no que "fixemos todo o posible por levarnos o partido, con ocasións de todo tipo".

O encontro estaba fixado inicialmente para o domingo 14 de decembro ás 14:00 pero debido ao sorteo de Copa del Rey e ao emparellamento co RCD Mallorca o martes 16, LaLiga adiantou o choque ante os realistas para respectar o descanso entre partidos.

Con este resultado, o Dépor queda con 32 puntos provisionalmente na segunda posición, á espera dos partidos da UD Almería (32 puntos) e UD Las Palmas (30 puntos).

Causaron baixa para o encontro os lesionados Ximo Navarro, Escudero e Bachmann; ademais dos sancionados Lucas Noubi e Villares.

Si recuperou o equipo a Luismi Cruz, que arrincou no banco e saltou ao céspede na segunda metade.

O internacional sub-19 Samu, Quique Teijo e Noé foron os representantes de ANOSACANTEIRA na convocatoria.

Pola súa banda, a Real Sociedad B presentouse en ABANCA-RIAZOR na 18ª posición con 18 puntos, todos eles gañados no seu campo.

A primeira gran ocasión do encontro foi para Yeremay. Plántase só ante a meta Fraga, o dibra pero, demasiado escorado, o seu remate non colle portería por moi pouco.

Tapou ben a Real os espazos e o Dépor volveu xutar a porta á media hora: Quagliata ás mans de Fraga.

Pouco despois, Mario Soriano peiteaba un balón na área após un centro desde a dereita. Fraga salvou in extremis un gol cantado.

Antonio Hidalgo apunta que "o inicio de partido foi bo pero cando mellor estabamos chegou ese gol".

A Real Sociedad B adiantouse no marcador no minuto 35 nunha veloz transición que resolveu Carrera con acerto no man a man ante Germán.

"A primeira parte non a terminamos ben", admitiu o técnico deportivista.

Con 0-1 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, o Dépor volve "saír ben, con ocasións clarísimas".

Antonio Hidalgo dá entrada a Eddahchouri por Patiño. E o holandés xa disparou a porta no minuto 61, ás mans de Fraga.

Aos 63 minutos, de novo o porteiro Fraga salva un disparo de Mella que se coaba nun contragolpe.

Empezaba a apertar o Dépor, que por momentos encerraba ao seu rival na área.

Quagliata, de cabeza, obriga a intervir a Fraga, xa o mellor do seu equipo segundo o adestrador do Dépor.

Antonio Hidalgo mete máis artillaría no campo coa entrada de Mulattieri e Luismi Cruz por Stoichkov e Quagliata.

Pero a Real Sociedad B golpeou de novo aos 76 minutos. Balda, desde moi lonxe, sorprende a Germán e sobe o segundo.

"Ese gol fíxonos moito dano", afirmou o preparador deportivista na sala de prensa.

O conxunto vasco sentenciou o partido no minuto 79 grazas a Gorosabel, após regatear na área e bater por baixo á meta deportivista.

Antonio Hidalgo cualificou a derrota como "dura" e pide "velo todo con perspectiva. Hai que o cómputo de puntos nestas 18 xornadas. Seguimos dentro do obxectivo marcado".

Deportivo: Germán, Loureiro, Arnau, Dani Barcia, Quagliata (Luismi Cruz, min. 72), Patiño (Eddahchouri, min. 56), Jose Ángel, Mario Soriano, Yeremay, Mella (Rubén López, min. 82) e Stoichkov (Mulattieri, min. 72)

Real Sociedad B: Fraga, Balda (Gorosabel, min. 72), Peru Rodríguez (Calderón, min. 80), Ochieng (Marchal, min. 68), Carbonell (M. Rodríguez, min. 68), Kita, Astiazarán, Carrera, Garro, Eceizabarrena e Aguirre (Mariezkurrena, min. 80)

Árbitro: Alfonso de Ena, do comité aragonés. Amoestou a Peru Rodríguez (min. 1), Carreira (min. 18), Balda (min. 41) e Fraga (min. 69)

Goles: 0-1 Carreira (min. 35); 0-2 Balda (min. 76); 0-3 Gorosabel (min. 79)

Incidencias: Yeremay Hernández recolleu de mans do conselleiro do Club Benito Couceiro o trofeo que o acredita como mellor xogador de LaLiga Hypermotion o mes de novembro. Asistiron ao partido en ABANCA-RIAZOR 19.459 espectadores