RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Amargo empate en ABANCA-RIAZOR (3-3)

O Deportivo deixou escapar 2 puntos nos minutos finais dun partido que foi propiedade privada do Numancia na primeira metade pero que os branquiazuis chegaron a dominar por 3-1 mercé á súa maior intensidade nunha segunda parte marcada polos escintileos de Ager Aketxe.

Juan Antonio Anquela, preparador deportivista, realizou dous cambios con respecto ao equipo que empatou o pasado domingo en Xixón. David Simón entrou no lateral dereito por Eneko Bóveda e Mamadou Koné volveu á titularidade en detrimento de Vicente Gómez.

A primeira oportunidade clara do partido chegou no minuto 11, nun zurdazo de Marc Mateu desde a frontal da área que se perdeu moi preto da escuadra dereita da portería de Dani Giménez.

Até entón, o Numancia tivera maior control da posesión. Ese dominio plasmouno no marcador a balón parado, nun córner que Escassi rematou até en dúas ocasións co seu pé dereito. A primeira atopouse cun bosque de pernas. O rexeite volveulle a caer ao central do equipo soriano que, á segunda, colocou a pelota comodamente pegada ao poste dereito, lonxe do alcance de Dani Giménez.

O conxunto branquiazul rematou por primeira vez a porta no minuto 27, nunha cabezada de Koné a centro de Mollejo. O croque do marfileño escapouse por riba do traveseiro por moi pouco.

O Deportivo estirouse neses minutos mediado o primeiro período, pero tampouco logrou xerar ocasións claras para equilibrar o marcador. Koné volveu probalo cun disparo lonxano, no minuto 36, pero o balón estrelouse no lateral dereito da rede da portería soriana.

O Numancia volveu roldar os dominios de Dani Giménez no minuto 44. Foi nunha longa xogada após un saque de esquina que o Dépor non foi capaz de afastar a pesar de varios intentos. Higinio acabou rematando de socato após un pase de Curro. Co porteiro branquiazul superado, David Simón despexou o coiro practicamente baixo paus.

Coa vitoria pola mínima do equipo castelán chegouse ao descanso.

Tralo paso polos vestiarios, o Deportivo mellorou en intensidade e elaborou un par de ataques perigosos nos primeiros 4 minutos. O segundo deles acabou nun córner que, lanzado por Aketxe, Mollejo rematou de cabeza en espectacular prancha. Após golpear na parte interior do poste dereito do marco visitante, o balón introduciuse na portería. Foi o primeiro tanto do internacional sub-19 coa camiseta branquiazul.

Lonxe de conformarse, o Dépor seguiu empuxando. O resultado foi que cinco minutos despois logrou adiantarse no marcador. Aketxe lanzou unha falta lonxanísima imprimindo ao esférico un dos seus habituais efectos. O balón botou moi preto de Dani Barrio, que non foi capaz de colocar o corpo na traxectoria do coiro nin de desvialo o suficiente coas mans. A pesar de tocalo, non puido evitar o cuarto gol do mediapunta vasco no que vai de campaña.

Tampouco poñerse por diante fixo baixar o ritmo ao equipo coruñés, que no minuto 58 acariñou o 3-1. Foi nun novo disparo de Aketxe que Dani Barrio non puido atallar. O rexeite caeu na área pequena a Montero, que chegaba desde atrás e non puido precisar o seu golpeo. O balón perdeuse á esquerda da portería numantina.

Ambos os técnicos empezaron entón a mover pezas. Primeiro, Luis Carrión, adestrador do Numancia, introduciu a un centrocampista ofensivo, Otegui, en lugar dun mediocentro, Kako. Anquela respondeu dando osíxeno á medular coa entrada de Vicente Gómez por Gaku Shibasaki. Recentemente superada a hora de xogo chegaron dous cambios máis. Carrión meteu un segundo dianteiro, Igor Zlatanović, polo mediapunta Curro. Anquela entón puxo no campo a Borja Galán por Christian Santos, co que Koné colocouse como xogador máis adiantado.

No minuto 74, Vicente Gómez cabeceou no segundo pau un córner de Aketxe. O balón foi ao corazón da área pequena, onde Mollejo estirouse todo o que puido pero non puido imprimir a forza necesaria á pelota para levala ao fondo das mallas.

Dous minutos despois, Álex recuperou unha pelota, xogou para Aketxe, que á súa vez lanzou en profundidade a Vicente Gómez. O canario abriu á esquerda para Borja Galán, que encarou a Iván Calero e centrou para a chegada ao momento de penalti do propio Vicente Gómez. A cabezada franca do centrocampista foise por riba do traveseiro.

Recentemente superado o minuto 80, o colexiado sinalou man dentro da área de Derik Osede. O central numantino saíu a cortar unha internada de Salva Ruiz, desviou o centro co seu pé dereito e o balón foi directo á súa man. O colexiado non dubidou en indicar o punto fatídico, así como Mamadou Koné tampouco dubidou á hora de bater a Dani Barrio, con só dous pasos de carreira e un golpeo raso e seco.

O Numancia non se rendeu a pesar dos dous goles de desvantaxe. Os sorianos recortaron distancias no minuto 88, grazas a un croque de Derik Osede a centro de Zlatanović desde o extremo dereito. E acabaron empatando o encontro no tempo engadido, despois dun pelotazo da defensa que non tocou ninguén até que chegou a pes de Iván Calero, que acabou poñendo un balón durísimo desde o extremo dereito á área pequena, por onde se paseou sen que de novo ninguén o tocase antes de que chegase Escassi no segundo pau para anotar o 3-3.

Co saque de centro, o colexiado sinalou o final do encontro. Con este segundo empate consecutivo, o Deportivo suma 5 puntos despois de 6 xornadas.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Lampropoulos, Montero, Salva Ruiz, Álex Bergantiños, Gaku Shibasaki (Vicente Gómez, min. 59), Mollejo, Aketxe (Beto da Silva, min. 85), Koné e Christian Santos (Borja Galán, min. 67).

CD Numancia: Dani Barrio, Iván Calero, Derik, Escassi, Héctor Hernández, Kako (Otegui, min. 55), Gus Ledes, Moha (Alain Oyarzun, min. 75), Curro (Zlatanović, min. 64), Marc Mateu e Higinio.

Goles: 0-1 Escassi (min. 13); 1-1 Mollejo (min. 49); 2-1 Aketxe (min. 55); 3-1 Koné, de penalti (min. 83); 3-2 Derik (min. 88); 3-3 Escassi (min. 90+3).

Árbitro: Varón Aceitón (c. balear). Expulsou a Koné (min. 90+1) por dobre amoestación. Cartón amarelo a Gaku Shibasaki (min. 34) e Koné (min. 51).

Incidencias: partido da 6ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 14.010 espectadores.