RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone fai xustiza en Vilarreal (1-1)

Un Deportivo superior ao Villarreal durante gran parte do encontro levou un importante punto do Estadio de la Cerámica, onde o conxunto local púxose por diante na primeira metade e os coruñeses empataron cun gol de Florin Andone nos últimos minutos.

O técnico deportivista, Cristóbal Parralo, introduciu tres novidades, unha por liña, con respecto ao once branquiazul que enfrontou ao Celta de Vigo en Riazor, no último partido de 2017. En defensa, Raúl Albentosa supliu a Fabian Schär, sancionado por acumulación de amoestacións. En mediocampo, Pedro Mosquera ocupou o lugar de Emre Çolak. E en ataque, Florin Andone substituíu ao lesionado Lucas Pérez.

O primeiro cuarto de hora de encontro transcorreu entre longas posesións de ambos os equipos, con escasa profundidade. A acumulación de homes en mediocampo complicou os avances tanto dos castellonencos como dos herculinos. O Villarreal só roldou a área coruñesa na primeira xogada do encontro, na que Borges despexou a córner un centro ao corazón da área. O Dépor fíxoo nun centro-chute de Juanfran.

No minuto 17, Albentosa estivo a piques de inaugurar o marcador, ao rematar co seu pé esquerdo, en posición de dianteiro centro, unha fenomenal triangulación entre Carles Gil e Adrián. O disparo do central estrelouse no lateral dereito da rede da portería local.

A primeira ocasión do equipo de Javi Calleja produciuse no minuto 27, nun disparo lonxano de Carlos Bacca. O dianteiro colombiano tentou sorprender a Rubén buscando por baixo o pau máis afastado, pero o gardameta branquiazul respondeu, en dous tempos, para conxurar o perigo. Pouco despois, Enes Ünal desperdiciou unha clara oportunidade, pois se durmiu cando quedou só ante Rubén, após un desaxuste defensivo dos deportivistas.

Non desaproveitou a terceira o Villarreal, que abriu o marcador após unha triangulación no extremo esquerdo entre Jaume Costa, Fornals e Bacca que remachou o propio Enes Ünal, xusto cando se cumpría a media hora de xogo. Unha acción similar á oportunidade de Albentosa.

Rubén evitou, dous minutos despois, o segundo tanto vilarrealense, ao rexeitar un potente dereitazo raso de Pablo Fornals.

O Depor sacudiuse eses pouco máis de cinco minutos de dominio do Villarreal que lle concederon a vantaxe no electrónico. Os branquiazuis roldaron o gol no minuto 37, cando Andone entrou na área en vantaxe e, aínda que algo escorado, quedou só ante Sergio Asenjo. O porteiro local despexou a saque de esquina o remate co pé esquerdo do dianteiro romanés.

Coa vitoria pola mínima dun máis eficaz Villarreal concluíron os primeiros 45 minutos de encontro.

Nada máis comezar a segunda parte, Andone non chegou por milímetros a un centro de Adrián desde a esquerda. Un dubitativo Asenjo atrapou o esférico en dous tempos. No minuto 52, o Villarreal tivo a oportunidade de ampliar distancias. De novo Rubén estivo espléndido ao rexeitar un disparo de Samu Castillejo que Albentosa desviou levemente.

Á hora de xogo, Emre Çolak substituíu a Carles Gil, co que Cristóbal modificou a disposición táctica. O turco pasou a xogar por diante da liña de tres centrocampistas de contención e Adrián situouse arriba como parella de Andone.

No minuto 70, Adrián gozou dun man a man con Asenjo. O duro disparo do dianteiro asturiano repeleuno como puido o gardameta local. O Deportivo por entón xa subira as súas liñas de presión, co que comezara a esmagallar ao Villarreal.

Cinco minutos despois, de novo Adrián desbordou no extremo esquerdo, pero o seu pase á área pequena, con Sergio Asenjo superado, non atopou rematador.

No minuto 84, chegou o máis que merecido empate para o Deportivo. Sidnei arrincou ante a pasividade da medular do Vilarreal, para sacarse un fenomenal centro coa esquerda. Andone cabeceou con claridade o balón, que se introduciu na portería local despois de golpear no interior do poste dereito.

Co Dépor buscando máis a vitoria que o Villarreal, unha contra local chegando ao minuto 90 estivo a piques de custar un desgusto ao equipo coruñés. Carlos Bacca tratou de definir desde o bordo da área, após encarar a Sidnei, pero o seu lanzamento escapouse preto do poste esquerdo do marco de Rubén.

Con este empate, o Deportivo sae das posicións de descenso, ao sumar 16 puntos despois de 18 xornadas e antes da visita da Valencia CF ao Estadio ABANCA-RIAZOR, o vindeiro sábado 13 de xaneiro ás 20:45 horas, coa que se pechará a primeira volta de LaLiga Santander.

Villarreal CF: Sergio Asenjo, Mario Gaspar, Álvaro, Víctor Ruiz, Jaume Costa, Fornals, Rodrigo, Raba (Chuca, min. 76), Samu Castillejo (Cheryshev, min. 64), Bacca e Enes Ünal.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Albentosa, Luisinho, Guilherme, Pedro Mosquera (Borja Valle, min. 78), Borges, Carles Gil (Emre Çolak, min. 60), Adrián (Bruno Gama, min. 85) e Andone.

Goles: 1-0 Enes Ünal (min. 30); 1-1 Andone (min. 84).

Árbitro: Medié Jiménez (c. catalán). Cartón amarelo a Víctor Ruiz (min. 28), Álvaro (min. 54), Guilherme (min. 60), Luisinho (min. 72), Sidnei (min. 77), Bacca (min. 77) e Mario Gaspar (min. 77).

Incidencias: partido da 18ª xornada de LaLiga disputado no Estadio de la Cerámica ante 15.442 espectadores.