O Xuvenil A certificou a súa clasificación para a Final Four de Ponferrada ao vencer en ABANCA-RIAZOR por 2-1 ao CD Tenerife no partido de volta dos cuartos de final da Copa de Campións.
Na ida disputada hai unha semana na Cidade Deportiva tinerfeña xa venceran os branquiazuis por 0-6.
Empezou ben o CD Tenerife, apertando arriba e con achegamentos perigosos á portería de Anxo.
Pronto se refixo o equipo de Miguel Figueira. A primeira ocasión foi para Dipanda. Aos 4 minutos vaise do seu par por velocidade e dispara desviado ante a saída da meta Eslamiada.
Ao minuto seguinte, Rubén xuta alto na área ao recoller un mal remate de Lucas.
Seguiu insistindo o Xuvenil A. O colexiado do encontro, Alexandre López Vila, anulou un gol de cabeza a Mario aos 8 minutos ao apreciar falta previa na área pequena ao porteiro tinerfeño nun saque de esquina.
De Nico foi a seguinte aos 18 minutos. O seu disparo raso desde a frontal atállao con problemas Sosa.
O partido, do mesmo xeito que na ida, converteuse nun monólogo branquiazul, con chegadas polas dúas bandas.
Os canarios volvéronse a achegar no minuto 39 cun disparo de Guerra en semifallo que se marchou fóra aínda que o porteiro Anxo estaba a pasar unha mañá tranquila.
A última da primeira metade foi un remate de Lucas na área que se marchou cruzado.
Ao descanso chegouse sen goles.
Após o paso polos vestiarios, o Dépor adiántase no marcador.
Rubén empuxa á rede na área pequena un rexeite do meta Sosa a disparo de Héctor. Un tanto de dianteiro puro e con olfacto de gol.
Pouco despois, no minuto 52, Héctor xuta de lonxe con moita intención. O balón márchase fóra por pouco.
José Rey aumenta a vantaxe ao culminar un contragolpe deportivista de libro. O atacante branquiazul definiu á perfección ante Sosa.
Coa eliminatoria sentenciada, Miguel Figueira refrescou ao equipo. Despois de varias semanas lesionado, Dani Estévez tivo a oportunidade de ir collendo minutos ao relevar por exemplo a Dipanda no minuto 69.
No 72, Nico xuta desde fóra da área moi forte e Sosa, nunha gran parada, evita o terceiro do Xuvenil A.
O CD Tenerife logrou o seu gol no minuto 80 ao rematar Samuel á rede na área pequena un saque de esquina.
O equipo deportivista viuse obrigado a xogar os últimos minutos con 10 xogadores ao verse obrigado Nico a retirarse por precaución cando Miguel Figueira xa realizara os 5 cambios.
O último remate do partido foi para Héctor, alto por moi pouco desde a frontal da área.
Xuvenil A :Anxo, Mario (Íker, min. 69), Hugo Torres (Pablo Parada, min. 62), Vergara (Javi, min. 75), David, Nico, José Rey, Lucas, Rubén (Dani, min. 62), Héctor e Dipanda (Dani Estévez, min. 69)
CD Tenerife: Sosa, Padrón, Pablo (Gabri, min. 62), Sergio, Marcos, Guerra (Poch, min. 50), Joel (Samuel, min. 75), Yero, Montero (David Páez, min. 62), Juliano e Noda (Dailo, min. 62)
Árbitro: Alexandre López Vila, do comité galego.
Goles: 1-0 Rubén (min. 46); 2-0 José Rey (min. 62); 2-1 Samuel (min. 80)
Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR nunha mañá nubrada e de calor ante 1.439 espectadores