Após a Xunta de Accionistas, o presidente do RC Deportivo, Antonio Couceiro, atendeu aos medios e valorou o acto social celebrado: “estou satisfeito, aínda que que me gustaría que houbese máis participación. Houbo algún comentario por parte dos accionistas nese sentido. Por iso transmitín o noso compromiso de que para as próximas ocasións trataremos de darlle máis difusión porque é importante que participen nestas Xuntas”.
Tamén fixo balance do primeiro tramo da temporada: “eu quero ser positivo no sentido de que os nosos tres últimos partidos en casa persoalmente para min foron magníficos, os mellores desde que son presidente desde febreiro do ano 21. O equipo está en moi boa tendencia, mellorou claramente a calidade do seu xogo e tamén a súa presión, a súa implicación, a súa efectividade e a súa forma de defender. Creo que houbo unha melloría xeneralizada no xogo que está a facer o noso Dépor. Esperemos que esta parada invernal non rompa a serie e sigamos coma se nada pasase”.
Sobre o caso Lucas Pérez recoñeceu que “pouco máis podo achegar do que xa dixen a semana pasada. Creo que todos os que estamos aquí desexamos que veña, pero tamén compartimos que nunha negociación, e unha negociación complexa como é esta porque somos tres partes, todos temos que tratar de buscar ese punto de encontro no que todas as partes podamos atoparnos confortables. Isto esixe tamén unha alta confidencialidade na negociación. Por tanto, eu non podo desvelar detalles da negociación, o que si me ratificou é que dita negociación existe como comentei a semana pasada e o que hai é que é avanzar coordinadamente. No caso do Deportivo, con Lucas e o seu axente, que é quen ten o contrato co Cádiz, estamos a tratar de buscar ese punto de encontro que nos leve a ese acordo final que sigo pensando que é posible. A mellor forma de que todo isto chegue ao final é deixando traballar ás persoas, aos profesionais, e por suposto, en cada momento, esixirase, a intervención de diferentes persoas e aí estarei. O meu máximo respecto ao presidente do Cádiz e, como digo, en toda negociación establécense unhas estratexias e hai unhas persoas que levan a cabo esa negociación en primeiras instancias e a partir do momento determinado, pois poden intervir xa outras en función do avance. Creo que traballando profesional, seria e confidencialmente, poderemos conseguilo. O optimismo xa é unha valoración. Eu trato de ser realista”.
Respecto ao resto do mercado de inverno comentou que “neste momento, a Secretaría Técnica, e por suposto tamén o adestrador, teñen claro cales son as debilidades e están xa traballando para tratar de buscar esas posibilidades que o mercado de inverno pódenos ofrecer e tratar de canalizar posibles saídas que permitan esas novas chegadas. Imos tratar de facer encaixe de palillos. E creo que podemos alcanzar os nosos obxectivos dentro do orzamento que presentamos, xa que, polo que está a suceder nestes momentos, creo que podemos mellorar varias das partidas de ingresos e acoutar algunha das de gastos”.
Preguntado sobre a renovación de Alberto Quiles afirmou que “pouco máis podes facer que ofrecerlle a Quiles unha renovación económica que poida estar acorde coas posibilidades do Dépor. Imos centrar os nosos esforzos en todo o que comentamos antes e, desde logo, se ascendemos a Segunda División, eu teño moi claro que me encantaría que puidese continuar connosco, é un xogador co que estamos extraordinariamente encantados porque é un verdadeiro fenómeno”.
Tamén profundou sobre a realidade da canteira deportivista: “hai que ser conscientes de que nun cadro de 23, 8 son xogadores que formaron parte da canteira do Deportivo. Evidentemente o gran obxectivo sería que cada vez máis xogadores do cadro saian desas categorías inferiores con todos os problemas e restricións que comentamos, porque a lexislación non protexe aos equipos que apostan verdadeiramente pola canteira. Cando os xogadores están por baixo dos 16 anos é imposible poder facerlles un contrato profesional e hai nada establecido para que os clubs que poidan fichar a eses xogadores estean obrigados a compensar razoablemente ao equipo que fixo o verdadeiro esforzo para que eses xogadores chegasen até aí. Por iso asinamos máis de 10 contratos a xogadores con máis de 16 anos que xa se lles pode facer contratos profesionais para tentar conseguir a máxima retención do talento. Aínda así, hai casos que asinamos eses contratos profesionais e acabáronse indo, pero iso evidentemente é moi difícil de evitar porque na decisión final dun futbolista xogan moitísimas motivacións. Nós tratamos de maximizar a nosa proposta de valor para que estean extraordinariamente a gusto e contentos na nosa canteira, darlles as maiores posibilidades, a relación e o trato cos pais tratamos de levala tamén o mellor posible, e por suposto cos axentes a partir dunha idade determinada, porque esa decisión final non é unha decisión nada sinxela, interveñen moitas opinións. O obxectivo final, por suposto, é que é que consigamos facer unha canteira o máis rendible posible. Para o Dépor é que haxa xogadores que consigamos cheguen ao primeiro equipo de forma sustentable e cada vez a unha división maior ou porque nun momento determinado son fichados por outros clubs, pero o Deportivo obteña uns ingresos importantes, unhas plusvalías importantes, que compensan todo o investimento que facemos todos os anos”.
Na Xunta produciuse a substitución de Eduardo Blanco por Miguel Juane como conselleiro. Sobre o primeiro dixo que “é unha persoa dunha extraordinaria valía, cunha achega extraordinariamente positiva e importante a este Consello de administración. A súa capacitación profesional está moi orientada ás relacións coa sociedade e pensamos que é unha persoa que cumpre un perfil magnífico para tratar de reforzar o impulso á Fundación, de forma absolutamente pactada, pois Eduardo vai pasar a axudarnos a desenvolver ese traballo na Fundación. O seu posto queda cuberto por Miguel Juane e, por tanto, mantemos o equipo de traballo, pero con diferentes papeis”.
