O venres sortéase en Xenebra os primeiros grupos para a liga de Campións e estes enfrontamentos terán lugar a partir do 12 de xullo. É por iso que, aínda que aínda quedan máis de dous meses para a súa estrea na Champions, os deportivistas xa estarán pendentes do que suceda en Xenebra, primeiro, e nas primeiras fases da competición, despois.
Esta tempada serán 72 os clubs que compitan pola Champions League 2000-2001, dezaseis deles con acceso directo á fase de liguiña. O Deportivo, campión da liga española, o Real Madrid, vencedor da pasada edición da liga de Campións, e o Barcelona, segundo clasificado da liga, están neste grupo xunto ao Lazio, o Manchester, o Spartak, o Bayern Munich, o Mónaco, Olimpiakos, o PSV Eindhoven e o Sporting Lisboa como primeiros das súas respectivas competicións. Entran tamén, segundos, a Juventus, o París SG, Arsenal, Bayern Leverkusen e Heerenveen.
Os outros 56 equipos deberán someterse a unha fase previa composta por tres roldas: na primeira entrarán seis, 18 máis se incorporarán na segunda e 18, a Valencia entre eles, na terceira.
Calendario
A primeira eliminatoria previa disputarase entre o 12 e 19 de xullo entre os 20 campións de distintas ligas europeas. Entre o 26 de xullo e 2 de agosto os vencedores desa eliminatoria enfrontaranse aos campións de Noruega, Hungría, Escocia, Bélxica, Eslovaquia, Suecia, Eslovenia, Chipre, Polonia, Xeorxia, Romanía e Israel e aos subcampións de Chequia, Croacia, Austria, Turquía, Dinamarca e Ucraína.
Os vencedores pasarán á terceira rolda previa que se xogará entre o 9 e o 23 de agosto cos campións de Chequia, Croacia, Austria, Turquía, Dinamarca e Ucraína, os segundos clasificados de Grecia, Portugal e Rusia, os cuartos de Alemaña e Italia e os terceiros de España, Italia, Francia, Holanda, Alemaña e Inglaterra.
Os vencedores da eliminatoria anterior pasarán á primeira liguiña a disputar entre o 13 de setembro e 2 de novembro cos campións de Italia, España, Inglaterra, Rusia, Alemaña, Grecia, Francia, Holanda, Portugal e os segundos clasificados de España, Italia, Francia, Inglaterra, Holanda e Alemaña. Así mesmo participa nesta rolda o vixente campión da competición.
Entre estes equipos sortearanse os grupos, integrados por catro equipos. Os martes ou mércores das semanas sinaladas para tal fin disputaranse os encontros, o 12, 19 e 26 de setembro, o 17 e 24 de outubro e o 7 de novembro. O cuarto de cada grupo quedaría eliminado. O terceiro entraría na Copa da UEFA. Primeiro e segundo de cada grupo entrarían noutro grupo de catro equipos.
Esta segunda fase disputaríase o 21 de novembro, 5 de decembro, 13 e 20 de febreiro e 6 e 13 de marzo. Os dous primeiros de cada grupo pasarían a cuartos. As datas para esta eliminatoria serían o 3 e 17 de abril.
A semifinal está prevista para o 1 e 8 de maio e a final será en San Siro, Milán, o 23 de maio do próximo ano. O Deportivo e o Real Madrid están exentos da liguiña previa por ser Campión de Liga e de Champions respectivamente. Si participarán na rolda previa Valencia e Barcelona.