RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Bóveda advirte que "a dificultade vai ser máxima"

Eneko Bóveda, un dos futbolistas máis experimentados do vestiario do Dépor, deixou atrás xa dúas eliminatorias a cara de can; e nas dúas saíu vitorioso o agora defensor deportivista.

Coa camiseta do Eibar en Segunda División B, logrou o ascenso a LaLiga 1|2|3 ao superar nun dobre duelo á CE L'Hospitalet: 3-0 na ida en Ipurúa e 0-1 na volta en cancha catalá. E no cadro do Athletic, logrou unha Supercopa de España fronte ao todopoderoso FC Barcelona: 4-0 en San Mamés e 1-1 no Camp Nou.

Vaticina Eneko Bóveda, do mesmo xeito que onte Martí en rolda de prensa, un longo camiño por diante, que pide percorrer "con toda a humildade e naturalidade do mundo. Entre dous equipos dun nivel bastante similar, un 2-0 non é un resultado esaxerado nin sorprendente. Pode pasar tranquilamente para o outro lado".

Non está de acordo en que esta sexa unha eliminatoria máis complexa que a anterior ante o Málaga CF: "Non foi (a anterior) para nada sinxelo. Agora temos que pensar que a dificultade vai ser máxima. É a mentalidade que un equipo ten que ter ante calquera partido, pensar que o outro vai dar o seu mellor nivel para que ti mesmo te motives para dar o teu".

Recalca que a fatiga pola acumulación de partidos "é un problema menor. O lóxico é que inflúa parecido nos dous equipos. Recuperar a toda a xente posible. Están os fisioterapeutas, os médicos, o nutricionista... todo deus aquí currando sen parar para iso. Loxicamente é un dos factores máis importantes de cara ao próximo partido. Pero por encima de todo é que teñamos os menos lesionados posibles".

Sobre o partido que se poderá ver este domingo 23 de xuño en Son Moix (21:00 horas, Movistar Partidazo), confesa o defensor branquiazul que "de aquí ao domingo faste mil películas. Imaxínas un partido cun gol no minuto 8, outro cun gol no minuto 1, outro no minuto 20, outro que metes ti antes. Dáche tempo para calquera cousa. A mensaxe que mandamos non agora, senón hai tempo, é que é un equipo que sufriu moito. Pasamos miserias. Estamos ao final e non podemos esquecer o doloroso que é perder, o doloroso que é non chegar aos obxectivos. Todo iso ten que facer que valores onde estás".

Advirte que en Son Moix "nós non rehuimos de meter o pé, non imos deixar de chocar, de ir, de xogar a fútbol que tamén iso é. E si debemos ser intelixentes á hora de xestionar... sobre todo deixar un pouco en paz ao árbitro, que faga o seu traballo. E mirarnos a nós, e aí si, dar o mellor de nós".

Entende a euforia que poida rodear ao equipo: "Enténdoo. Ao final un afecciónase a un equipo para vivir situacións destas, que tampouco se dan moitísimas veces na vida. Están no seu dereito de gozar da súa paixón. Tampouco eles nos van a prexudicar, nin nos van a pór trabas para o domingo. Somos nós os que temos que saír ao campo, nós si que somos os que non temos que estar nin inflando globos nin comprando serpentinas".