A xogadora do Deportivo ABANCA B Sara Álvarez está concentrada en Suecia coa selección española sub-17 con motivo do Torneo de Exentos, unha competición internacional que enfronta a aqueles equipos nacionais que non teñen que xogar fase de clasificación para o novo formato do campionato de Europa.
Hoxe sábado, España impúxose (3-4) as poderosas Estados Unidos, campioas do mundo feminina en categoría absoluta, na segunda xornada da competición. O encontro, que Sara Álvarez xogou completo, foi vibrante, con alternativas no marcador e decidido polo acerto de Giovana Queiroz.
No primeiro partido deste torneo disputado o pasado mércores, España caeu ante Alemaña (0-4), con Sara Álvarez sobre o céspede tamén todo o partido.
A próxima cita para as españolas será o martes 17 de setembro (18:00 horas) no Estadio Angelholms IP de Angelholm ante as anfitrioas, as suecas.
O calendario de partidos de España, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:
Mércores 11 de setembro ESPAÑA 0 - ALEMAÑA 4
Sábado 14 de setembro ESTADOS UNIDOS 3 - ESPAÑA 4
Martes 17 de setembro 18:00: SUECIA - ESPAÑA, no Estadio Angelholms IP de Angelholm
Por este motivo, Sara Álvarez causará baixa para o debut do Deportivo ABANCA B no grupo 1º de Primeira Nacional, mañá domingo 15 de setembro ás 17:00 en Abegondo ante o CD Valladares.
A canteirá deportivista súmase así ás futbolistas do Dépor internacionais nas categorías inferiores da selección española nas últimas convocatorias: Teresa Abelleira, María Méndez e Carlota Sánchez.