O calendario desta semana en ANOSACANTEIRA abriuno hoxe mércores o Alevín, que derrotou por 3-5 ao CD Calasanz na 7ª xornada no grupo norte do Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11.
Con este resultado, os branquiazuis alcanzan o liderado do grupo con 19 puntos por 17 do CD Lugo, 2º clasificado.
En canto ao resto de categorías, a atención está centrada nos partidos do Fabril en Laredo e do Xuvenil A en Abegondo, ambos o domingo 27.
O filial visita ás 12:00 ao equipo cántabro en partido correspondente á 33ª xornada (penúltima) en Segunda Federación.
Os fabrilistas son sétimos, empatados a 48 puntos co sexto (Rayo Cantabria); ambos a 1 punto do UP Langreo, 5º clasificado.
Pola súa banda, o CD Laredo pecha a táboa certificado xa o seu descenso a Tercera Federación.
En Abegondo ás 16:30, e retransmitido en directo pola canle oficial de YouTube do RC Deportivo, o Xuvenil A mídese ao Real Oviedo na loita polo título.
Os branquiazuis avantaxan en 1 punto ao RC Celta, que á mesma hora visita ao CD Choco.
O Club activou o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva para o encontro.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 5 euros.
Completa a xornada dominical o partido do Xuvenil B, líder da Liga Nacional, ante o CD Lugo, ás 16:30 na Cheda; o do San Tirso SD Infantil, ante o ED Val Miñor Nigrán, ás 12:00 no Monte; e o do Alevín A, ante o Betanzos CF, ás 13:00 na Torre.
Antes, o sábado 26 de abril ás 16:00, compite o Cadete en Vigo ante o Coruxo FC e o Infantil en Santiago ante o CD Conxo Santiago.
Ten descanso ligueiro o San Tirso SD Cadete posto que xa xogou o pasado 15 de abril o seu partido ante o CD Conxo Santiago; o Fabril FC Alevín no Torneo Delegación; e os dous equipos benxamíns, á espera da Fase Intermedia do Campionato Galego.
O vestiario dos 'verdes' está de parabén posto que Raúl Lema foi convocado de novo pola selección española sub-16 para disputar dous amigables ante Escocia na Ciudad del Fútbol o 29 de abril e 1 de maio.
O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:
Segunda Federación
33ª xornada: CD LAREDO - FABRIL, o domingo 27 de abril ás 12:00 no campo de San Lorenzo
Clasificación: ... 3. Real Avilés Industrial, 52 puntos; 4. Real Ávila CF (un partido menos) e UP Langreo, 49 puntos; 6. Rayo Cantabria e Fabril, 48 puntos; 8. Bergantiños CF, 44 puntos... 18. CD Laredo, 23 puntos
Categoría xuvenil
29ª xornada: XUVENIL A - REAL OVIEDO, o domingo 27 de abril ás 16:30 en Abegondo
Clasificación da División de Honra: 1. Xuvenil A, 69 puntos; 2. RC Celta, 68 puntos; 3. Sporting de Gijón, 57 puntos; 4. Real Oviedo, 54 puntos...
29ª xornada: CD LUGO - XUVENIL B, o domingo 27 de abril ás 16:30 na Cheda
Clasificación da liga Nacional: 1. Xuvenil B, 71 puntos; 2. RC Celta B, 70 puntos; 3. Racing de Ferrol, 58 puntos; 4. Coruxo FC e CD Lugo, 55 puntos...
Categoría cadete
27ª xornada: CORUXO FC - CADETE, o sábado 26 de abril ás 16:00 en Fragoselo (Coruxo, Vigo)
Clasificación da División de Honra: 1. RC Celta, 76 puntos; 2. Cadete, 71 puntos; 3. ED Val Miñor Nigrán, 51 puntos... 6. San Tirso SD Cadete (un partido máis), 47 puntos... 11. Coruxo FC, 34 puntos...
Categoría infantil
25ª xornada: CD CONXO SANTIAGO - INFANTIL, o sábado 26 de abril ás 16:00 na Merced (Santiago de Compostela)
25ª xornada: SAN TIRSO SD INFANTIL - ED VAL MIÑOR NIGRÁN, o domingo 27 de abril ás 12:00 no Monte
Clasificación da División de Honra: 1. RC Celta, 67 puntos; 2. Infantil, 64 puntos; 3. Pabellón Ourense CF, 52 puntos... 5. ED Val Miñor Nigrán, 48 puntos; 6. San Tirso SD Infantil, 39 puntos; 7. CD Lugo, 34 puntos... 9. CD Conxo Santiago, 32 puntos...
Categoría alevín
7ª xornada: CD CALASANZ 3 - ALEVÍN 5 (Alejandro Astray, Xiao Fontao, Hugo Álvarez, Lucas Albor e Sergio Fernández)
8ª xornada: ALEVÍN - ED LUÍS CALVO SANZ, o martes 29 de abril ás 19:15 en Abegondo (campo de céspede artificial)
Clasificación do Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11, grupo norte: 1. Alevín, 19 puntos; 2. CD Lugo, 17 puntos; 3. CD Calasanz (un partido menos), 15 puntos...
5ª xornada: ALEVÍN A - BETANZOS CF, o domingo 27 de abril ás 13:00 na Torre (campo 4)
Clasificación da Fase polo Título da Primera A Coruña de fútbol 8: 1. Alevín A, 12 puntos; 2. Atlético Coruña Montañeros CF, 6 puntos; 3. Betanzos CF e Atlético Perillo, 3 puntos
Clasificación do Torneo Delegación, grupo A: 1. Fabril FC Alevín, 12 puntos; 2. UD Carral (un partido menos), 4 puntos...
Categoría benxamín
Amigable: OLÍMPICO DE RUTIS - BENXAMÍN A, o sábado 26 de abril ás 10:00 no Complexo Deportivo de Vilaboa