Carlota Sánchez amplía o seu contrato co Dépor ABANCA por unha temporada
Carlota Sánchez Sánchez (A Coruña, 21 de xaneiro de 2002) renovou por unha temporada o seu compromiso co Deportivo ABANCA, polo que defenderá a camiseta branquiazul por sétima campaña consecutiva.
Formada inicialmente nos equipos masculinos do CD Calasanz e posteriormente na estrutura feminina do Orzán SD, Carlota Sánchez incorporouse ao Deportivo ABANCA no curso 2017-2018. Despois de tres campañas no Dépor ABANCA B, na Temporada 2020-2021 deu o salto definitivo ao primeiro equipo, co que xa se estreou oficialmente ao comezo da súa segunda temporada no Club. Desde o inicio da campaña 2022-2023 é futbolista do primeiro cadro para todos os efectos.
Internacional sub-17 e sub-19 en numerosas ocasións, a centrocampista coruñesa, filla e irmá de excanteranos deportivistas, debutou co Dépor ABANCA con 16 anos (o 23 de setembro de 2018 fronte ao CD Monte en Abegondo) e na división de honra con 17. Desde entón disputou 60 encontros co Deportivo ABANCA: 10 en Primeira División, 10 en Primera Federación Iberdrola, 26 en Reto Iberdrola, 4 de playoff de ascenso a Primeira División, 1 de playout de Reto Iberdrola, 6 en Segunda División e 3 en Copa da Raíña, nos que marcou 3 goles (1 en Primeira RFEF, 1 en Segunda e 1 en Copa).
Carlota Sánchez súmase ao cadro deportivista 2023-24 tralas renovacións de Lucía Alba, Henar Muiña e Cris Martínez durante o curso 2022-23, as recentes ampliacións de Millene, Raquel García, Charle e Samara, as xogadoras con contrato en vigor: Inés Altamira, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín e Carlota Suárez, e as fichaxes de Clara Rodríguez (FC Barcelona B), Laurina (Real Betis Féminas) e Sara Debén (Fundación Albacete Femenino).