RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carmelo del Pozo asegura que o Dépor "non pagou por ningunha cesión"

Carmelo del Pozo, trala presentación de Carlos Fernández, púxose esta mañá a disposición dos medios de comunicación, consciente de que "haberá que estar pendentes até a noite", no día final do mercado de verán.

Estas son algunhas das súas frases:

Albentosa
"Non sei se será o seu último día".

"É unha situación que temos que medir. Se queda será un central máis do cadro, se lle sae algunha cousa interesante e que o Club entende que é interesante, pois será unha operación satisfactoria".

Cadro longo
"Se saen operacións de Saúl ou Albentosa perfecto. Se non saen haberá un número máis do que en principio estaba estimado. A situación do lateral esquerdo debeuse a unha situación moi boa para nós como a irrupción de Caballo. No caso do central, as situacións contractuais hai que ver como se axustan e a de Albentosa hai que axustala ben para non ter perdas importantes".

Saúl
"Ten opcións de saír até este mesmo momento".

Saídas sorpresa e inesperadas
"A esta hora (10:15) non. O día é moi longo. Pode aparecer algo. Cremos que non. Se aparecese algunha cousa só está o caso de Michael (Krohn-Dehli), que entendemos que non vai pasar. Calquera outra situación derivariamos á cláusula. Gañariámonos un mes máis de negociación se pasase".

"É un día complicado para todos con operacións en cadea. Se un equipo saca un xogador nun posto concreto e entende que o recambio pode ser un dos nosos, pódenos chamar e aparecer esa situación. Hai varias situacións que poden aparecer".

"Cos 2 ou 3 xogadores que estamos a falar (Saúl, Albentosa...), estamos a darlles facilidades para que se sucede sexa boa para eles. Hai un caso concreto que é o de Saúl, que temos que ter un certo agarimo cara a el por como foi a situación, cun tema mesmo extradeportivo".

"Só se saíse Michael (Kronh-Dehli) exporiámonos facer unha incorporación. Nos demais casos (Saúl, Albentosa, Tytoń) non necesitarían recambio. A portería entendemos sempre que ten que haber 2 porteiros do primeiro cadro e no filial ter un porteiro competitivo. Creo que a portería do Fabril quedou ben cuberta coa chegada de Pedro López e con Álex Cobo, que está a facer un traballo magnífico. No resto de posicións non creo que haxa ningún movemento".

Borja Valle
"O deportivismo pode estar moi tranquilo con Borja Valle. Se Borja decidiu dar o paso, é porque ten claro que se vai a quedar aquí".

"A súa cláusula é moito máis alta da que tiña anteriormente. Moitísimo máis alta".

Cesións como Carlos Fernández
"En todas as cesións que ten o Deportivo non ten que facer ningún pago. Non pagou nada en ningunha delas".

Carlos Fernández
"Desde que cheguei aquí o contacto con el foi permanente. Seguimos a evolución. É un dato a favor noso de estar preocupados máis pola persoa que polo futbolista. O rapaz necesitaba un crecemento, unha evolución. O Dépor é un bo escenario para el, de esixencia como no Sevilla, de ser un xogador importante na categoría. Iso fíxolle tomar partido por outras ofertas que tiña de Primeira. A pesar da súa idade é un rapaz maduro, preparado. Por todos eses detalles é unha boa oportunidade para nós sobre todo porque é un perfil diferente. O míster xoga 4-4-2. Entendemos todos que é un xogador bo. O adestrador enténdeo desde o momento que lle meteu 2 goles, no último Sevilla Atlético - Zaragoza".

Cláusula de Francis
"É máis alta da que tiña antes. Calquera xogador que renovou o seu contrato eleva a súa cláusula porque eleva os seus emolumentos".