RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Clara vitoria do Deportivo fronte ao UP Langreo (0-3)

O Deportivo impúxose por 0-3 ao UP Langreo, conxunto asturiano recentemente ascendido a Segunda División B, no quinto encontro amigable da pretemporada branquiazul, disputado no campo vivariense de Cantarrana.

O técnico deportivista, Natxo González, apostou polo seu esquema habitual, cunha defensa de catro, tres centrocampistas que nesta ocasión foron Pedro Mosquera e os mundialistas Celso Borges e Michael Krohn-Dehli, dous mediapuntas e un dianteiro.

Despois duns minutos iniciais de control por parte do Dépor pero escasa profundidade, ao bordo do cuarto de hora produciuse a primeira chegada clara a calquera das dúas porterías. Unha veloz internada polo centro de Fede Cartabia concluíu cun duro disparo por baixo do arxentino que atallou Adrián Torre. Cinco minutos despois tentouno Carles Gil desde o bordo da área após un erro do porteiro asturiano na saída do balón, pero co mesmo resultado.

Até o descanso, o Dépor acrecentou o seu dominio territorial e de posesión, chegando en numerosas ocasións á área asturiana. Dubarbier lanzou varios centros perigosos que non atoparon rematador, David Simón puxo un balón desde a liña que fondo que tampouco foi capaz de conectar ningún xogador deportivista e o propio lateral canario non atopou portería nun duro remate desde o bordo da área á saída dun córner.

O Dépor abriu a lata ao fío do descanso, após un fenomenal centro de Krohn-Dehli que Borja Valle, na área pequena, cabeceou a pracer ao fondo das mallas.

Natxo González introduciu dúas modificacións tralo paso polos vestiarios. Pedro Mosquera deixou o seu lugar a Álex Bergantiños e o goleador Borja Valle foi substituído por Quique González.

O encontro continuou polos mesmos camiños, co Dépor monopolizando a posesión e merodeando constantemente a área langreana.

A frescura dos cambios notouse no tramo final de encontro. Natxo González moveu o banco introducindo a cinco xogadores á hora de xogo, entre eles o recentemente chegado Domingos Duarte, que debutou deste xeito coa elástica deportivista. Pouco despois, chegaba o segundo gol, marcado a pracer por Diego Caballo após unha fenomenal acción individual de Fede Cartabia.

A ese tanto lle seguiron tres novas modificacións e o terceiro gol, obra de Uxío, no primeiro balón que tocaba o dianteiro fabrilista após ingresar no terreo de xogo con unha perfecta definición por debaixo do gardameta rival.

UP Langreo: Adrián Torre (Javier Díaz, min. 46), Otia, Dani López, Cristian (Andrés Cabranes, min. 63), Zubiri, Héctor (Joan, min. 72), Nespral, Aimar (Ríos, min. 67), Jaime Santos, Nacho Calvillo (Riki, min. 67), Omar e Javier Sánchez.

RC Deportivo: Ortolá, David Simón (Gerard, min. 63), Mujaid (Domingos Duarte, min. 63), Albentosa (Bóveda, min. 63), Dubarbier (Saúl, min. 73), Pedro Mosquera (Álex Bergantiños, min. 45), Krohn-Dehli (Diego Caballo, min. 63), Borges (Edu Expósito, min. 63), Carles Gil (Pedro Sánchez, min. 73), Fede Cartabia (Uxío, min. 73) e Borja Valle (Quique González, min. 45).

Goles: 0-1 Borja Valle (min. 43); 0-2 Diego Caballo (min. 71); 0-3 Uxío (min. 74).

Árbitro: José Antonio Fernández Rodríguez (comité galego).

Incidencias: quinto partido da pretemporada do Deportivo, disputado no campo de Cantarrana (Viveiro).