RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ANOSACANTEIRA

Dobre triunfo este venres 20 do Fabril FC Benxamín na Turia Cup de Valencia, antesala dun sábado 21 con 8 equipos máis en xogo en ANOSACANTEIRA

O Fabril FC Benxamín (na foto principal da noticia) compite desde este venres 20 de marzo na Turia Cup en Valencia. 

Os fabrilistas saldaron con triunfo ante o CD Castellón (0-4) e ante o Papofut (0-3) os seus dous primeiros encontros da Primeira Fase.

Este sábado agardan 4 partidos máis, un deles ante o Rayo Vallecano.

Por este motivo, o seu partido de liga ante o Victoria CF correspondente á 25ª xornada na Primera Futgal A Coruña trasládase ao martes 24 de marzo ás 18:00 no campo Víctor Fernández Alonso (antiga Leyma) na Coruña.

O Xuvenil A, no Dépor Training Center a partir das 16:30 é o choque destacado da xornada

Xa o sábado 21 destaca o partido do Xuvenil A, que se mide no Dépor Training Center ás 16:30 á SD Compostela.

Os de Miguel Figueira, despois da súa gran actuación en Copa, colideran a División de Honra co RC Celta.

Será baixa Mauro Valeiro, concentrado coa selección española sub-17 na Rolda 2 de clasificación do Campionato de Europa.

Repiten partido alevíns e benxamíns: o Alevín A ante o UDJ Almeiras (11:00 en Os Loureiros), o Fabril FC Alevín ante o Victoria CF (9:00 na Torre) e o Benxamín A en Carral (18:00 horas).

Tamén os cadetes: o Dépor en Vigo ante o Coruxo FC (16:00) e o San Tirso SD Cadete no Monte ante o Arosa SC (11:30).

E finalmente os infantís, con #ONOSODERBI o domingo 22 de marzo ás 12:15 na Madroa e o San Tirso SD Infantil o sábado 21 de marzo ás 16:00 no campo Manolo Barreiro ante o AJ Lérez.

O domingo 22 de marzo xoga o líder da Segunda Federación, o Fabril.

Recibe ás 17:00 (YouTube RC Deportivo) no campo Arsenio Iglesias ao CD Lealtad de Villaviciosa.

Os fabrilistas, pese ao valioso empate da pasada fin de semana en Segovia, avantaxan xa en 2 puntos ao Oviedo Vetusta, que caeu en casa ante o Real Ávila CF.

Pola súa banda, os de Villaviciosa, con 24 puntos, son penúltimos na táboa. Iso si, Manuel Pablo lembra que o cadro asturiano "hai 2 semanas gañou á Segoviana e tamén ao Oviedo Vetusta. E nós non puidemos gañar alí".

O RC Deportivo activa o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web ticketing.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa IDE de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en ticketing.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. 

O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Completan a xornada do domingo o partido do Xuvenil B en Pontevedra (campo Manolo Barreiro) ante o AJ Lérez (12:00 horas) e o do Alevín no Dépor Training Center ante o Victoria CF (11:00) correspondente ao Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11. 

A semana transcorreu nun maratón de partidos en boa parte de categorías.

Así, este xoves 19, día festivo, competiron, e gañaron, 5 equipos.

O San Tirso SD Infantil venceu ao Pabellón Ourense CF (1-0), o Alevín A ao Sporting Meicende (18-0), o Fabril FC Alevín á SD Acea de Ama (5-0), o Benxamín A ao Silva SD (12-0) e o Fabril FC Benxamín ao Sada CF (8-0).

Este mércores 18 de marzo tiveron cita os dous equipos cadetes, que se enfrontaron en choque correspondente á 23ª xornada na División de Honra.

Os branquiazuis venceron por 2-1 nun rifado partido e lideran a táboa con 62 puntos por 39 puntos os 'verdes', que son terceiros.

Ao concluír este encontro arrincou o Infantil - Ural Español CF da División de Honra tamén adiantada ao fin de semana.

Gañaron 8-0 os deportivistas, que mandan na clasificación con 66 puntos.

Finalmente, o Alevín impúxose este martes 17 de marzo ao Ural Español CF (1-2) en partido correspondente á 4ª xornada do Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11 disputada na súa totalidade a pasada fin de semana.

Con este resultado, o conxunto deportivista lidera o grupo norte con 12 puntos de 12 posibles.

O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Segunda Federación
28ª xornada: FABRIL - CD LEALTAD DE VILLAVICIOSA, o domingo 22 de marzo ás 17:00 no campo Arsenio Iglesias
Clasificación: 1. Fabril, 54 puntos; 2. Oviedo Vetusta, 52 puntos... 17. CD Lealtad de Villaviciosa, 24 puntos...

Categoría xuvenil
25ª xornada: XUVENIL A - SD COMPOSTELA, o sábado 21 de marzo ás 16:30 no Dépor Training Center
Clasificación da División de Honra: 1. Xuvenil A e RC Celta (un partido menos), 57 puntos; 3. Sporting de Gijón (un partido menos), 47 puntos... 11. SD Compostela, 27 puntos...

27ª xornada: AJ LÉREZ - XUVENIL B, o domingo 22 de marzo ás 12:00 no campo Manolo Barreiro (Pontevedra)
Clasificación da Liga Nacional: 1. RC Celta B (un partido menos), 73 puntos; 2. Xuvenil B, 62 puntos; 3. (un partido menos), CD Choco, 51 puntos... 18. AJ Lérez, 10 puntos

Categoría cadete
23ª xornada (mércores 18): CADETE 2 (Sergio Cortizo -2-) - SAN TIRSO SD CADETE 1 (Asier Valverde)

24ª xornada: CORUXO FC - CADETE, o sábado 21 de marzo ás 16:00 en Fragoselo (Coruxo, Vigo)

24º xornada: SAN TIRSO SD CADETE - AROSA SC, o sábado 21 de marzo ás 11:30 no Monte

Clasificación da División de Honra: 1. Cadete, 62 puntos; 2. RC Celta, 61 puntos; 3. San Tirso SD Cadete, 39 puntos; 4. ED Val Miñor Nigrán, 36 puntos; 5. Arosa SC, 34 puntos... 12. Coruxo FC, 24 puntos...

Categoría infantil
23ª xornada (mércores 18): INFANTIL 8 (Santi Durán -5-, Jorge Méndez -2- e Aritz Fernández) - URAL ESPAÑOL CF 0
24ª xornada: RC CELTA - INFANTIL, o domingo 22 de marzo ás 12:15 na Madroa

23ª xornada (xoves 19): SAN TIRSO SD INFANTIL 1 (Eliam) - PABELLÓN OURENSE CF 0
24ª xornada: AJ LÉREZ - SAN TIRSO SD INFANTIL, o sábado 21 de marzo ás 16:00 no campo Manolo Barreiro

Clasificación da División de Honra: 1. Infantil, 66 puntos; 2. ED Val Miñor Nigrán, 57 puntos; 3. RC Celta, 55 puntos... 5. CD Conxo Santiago, 36 puntos; 6. San Tirso SD Infantil (un partido menos) e AJ Lérez, 35 puntos; 8. CD Calasanz, 32 puntos...

Categoría alevín
4ª xornada (martes 17): URAL ESPAÑOL CF 1 - ALEVÍN 2 (Mateo Songo'o e Enzo Fernández)
5ª xornada: ALEVÍN - VICTORIA CF, o domingo 22 de marzo ás 11:00 no Dépor Training Center
Clasificación do Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11: 1. Alevín, 12 puntos; 2. Victoria CF, CD Lugo e Atlético Coruña Montañeros CF, 9 puntos...

24ª xornada (xoves 19): ALEVÍN A 18 (Alberto Novo -5-, Saúl Cancela -5-, Diego Castelo -3-, Andrés Valencia -2-, Mateo Songo'o -2- e Leo Lorenzo) - SPORTING MEICENDE 0
25ª xornada: UDJ ALMEIRAS - ALEVÍN A, o sábado 21 de marzo ás 11:00 no campo de Os Loureiros (Almeiras)

24ª xornada (xoves 19): FABRIL FC ALEVÍN 5 (Manuel Parada -2-, Marco Dios, Nico Castro e Joel Losada) - SD ACEA DE AMA 0
25ª xornada: VICTORIA CF - FABRIL FC ALEVÍN, o sábado 21 de marzo ás 9:00 na Torre (campo 2.2)

Clasificación da Primera Futgal A Coruña: 1. Alevín A, 67 puntos; 2. Fabril FC Alevín, 63 puntos; 3. Victoria CF, 61 puntos... 15. UDJ Almeiras, 9 puntos...

Categoría benxamín
24ª xornada (xoves 19): BENXAMÍN A 12 (Tomás Sánchez -3-, Nico Mariño -3-, Mateo Ramos -2-, Ian Lata, Hugo Cancela, Pablo Campanero e Leo Díaz) - SILVA SD 0
25ª xornada: UD CARRAL - BENXAMÍN A, o sábado 21 de marzo ás 18:00 no Municipal Rodríguez Ans (Carral)

24ª xornada (xoves 19): FABRIL FC BENXAMÍN 8 (Jaime Fraga -3-, Óscar Lijó, Juan Crujeiras, Tomás Lorenzo, Álex Martínez e Izan Mallón) - SADA CF 0
25ª xornada: VICTORIA CF - FABRIL FC BENXAMÍN, o martes 24 de marzo ás 18:00 no campo Víctor Fernández Alonso (A Coruña)

Clasificación da Primera Futgal A Coruña: 1. Benxamín A, 72 puntos; 2. CD Calasanz, 65 puntos; 3. ED Luis Calvo Sanz, 56 puntos; 4. Fabril FC Benxamín, 54 puntos; 5. Ural Español CF, 52 puntos... 7. Victoria CF, 40 puntos... 13. UD Carral, 17 puntos... 

Turia Cup Valencia 2026
Primera Fase
Venres 20 de marzo
CD CASTELLÓN 0 - FABRIL FC BENXAMÍN 4 (Izan Mallón -2- e Álex Martínez -2-)
PAPOFUT 0 - FABRIL FC BENXAMÍN 3 (Jaime Fraga, Álex Martínez e Anxo Fernández)

Sábado 21 de marzo
15:00: CLUB COSTA CITY - FABRIL FC BENXAMÍN, en Beniferri
16:30: SP BENISSANÓ - FABRIL FC BENXAMÍN, en Beniferri
18:00: RAYO VALLECANO - FABRIL FC BENXAMÍN, en Beniferri
19:15: CD MAS CAMARENA - FABRIL FC BENXAMÍN, en Beniferri

En función da clasificación, os equipos pasarán á Fase Final, xa o domingo 22 de marzo