O Fabril empatou sen goles co UCAM Murcia no partido de ida da primeira eliminatoria do play off de ascenso a Primera Federación esta tarde en ABANCA-RIAZOR.
"Houbo moita tensión, loxicamente. Os dous equipos queren seguir cara a adiante. Nos últimos minutos había moitos duelos e un pouco de todo", declarou na sala de prensa Manuel Pablo, que viu un partido "moi competido".
A de hoxe foi a terceira ocasión no que o filial pisou ABANCA-RIAZOR esta temporada, posto que xa o 15 de setembro (3ª xornada) derrotou por 2-0 á SD Compostela e o 2 de febreiro (21ª xornada) por 3-0 ao poderoso Pontevedra CF, ao cabo campión de liga.
O conxunto blanquizul, que entrou como 4º clasificado do grupo 1º nesta fase de ascenso, quedou emparellado co 3º do grupo 4º. Por esta circunstancia, o primeiro partido xogouse na Coruña.
Os murcianos acabaron a liga no seu grupo con 60 puntos despois de 16 vitorias, 12 empates e 6 derrotas; con 46 goles a favor e 22 en contra. Pola súa banda, os fabrilistas sumaron 54 puntos con 16 gandos, 6 empatados e 12 perdidos; e con 48 tantos marcados e 29 recibidos.
O primeiro disparo a porta foi fabrilista. Kevin Sánchez, aos 5 minutos, remata forzado raso en semifallo. Detivo sen problemas Ackerman.
Repetiu Fabi aos 10 minutos nunha xogada persoal por banda esquerda. O seu disparo sae lixeiramente alto.
Mane tentouno de cabeza case ao cuarto de hora. Obstaculizado polo seu defensor, o extremo fabrilista non puido precisar a súa cabezada.
As ocasións seguían sendo fabrilistas. Kevin cabecea fóra un bo centro desde a banda dereita.
A oportunidade máis clara para os murcianos neste tramo final foi unha cesión perigosa de Damián Canedo a Alberto. O capitán, acosado por Del Campo, tivo o sangue frío de regatealo co corpo ante o susto da bancada.
Á media hora de xogo, Mane lanza unha falta e o balón márchase rozando o poste esquerdo da portería de Ackerman.
Sen ningunha ocasión clara máis se chegou ao descanso.
"Custounos atopar o estar cómodos, roubar e poder atacar", resumiu o técnico fabrilista.
Após o paso polos vestiarios, máxima igualdade entre os dous conxuntos.
A batalla foi constante no medio campo pero sen ocasións claras nas dúas áreas.
No minuto 55 tivo Kevin Sánchez o primeiro gol do partido. Recibe de Mane en profundidade, plántase só ante Ackerman e o porteiro murciano logra despexar ao traveseiro o remate do deportivista.
Pronto se viu obrigado Manuel Pablo a mover o seu banco. Manu Ferreiro, con molestias musculares, deixou o seu sitio no minuto 59 a Luisao.
O preparador do Fabril explicou que "tivo unha rotura. Imos ver de que dimensións. É o que parece. Foise chorando por deixar ao equipo, por como estivo competindo. Non teño diagnóstico pero vai ser moi difícil que estea para a volta".
Alberto ten que intervir no minuto 75 a lanzamento de Luque desde o balcón da área. O capitán fabrilista despexou a saque de esquina nunha acrobática parada.
No 79, Kevin non pode precisar o seu disparo após un pase atrás de Guerrero desde a liña de fondo.
Xa na recta final, o colexiado do encontro, o vasco Gaizka Legarra, non apreciou como pena máxima un clarísimo agarrón na área a Darío Germil nun saque de esquina. Iso si, o balón aínda non estaba en movemento.
No minuto 88, Garrido cabecea ás mans de Ackerman unha falta lateral sacada por Marotías noutra boa ocasión.
Xa no 90, de novo o árbitro foi protagonista ao non conceder lei da vantaxe nunha xogada na que primeiro Luisao e logo Kevin recibiron faltas. O balón chegoulle a Guerrero só ante o porteiro murciano aínda que a acción estaba xa parada.
"Na segunda parte estivemos mellor, bastante preto de conseguir a vitoria", concluíu Manuel Pablo.
Sen goles chegouse ao final da ida dunha eliminatoria que se decidirá no partido de volta, o sábado 17 de maio ás 19:00 no Estadio BeSoccer La Condomina.
Fabril: Alberto, Mardones, Damián Canedo, Marotías, Íker Vidal, Alfaro, Quique Fernández (Garrido, min. 72), Mane (Darío Germil, min. 80), Manu Ferreiro (Luisao, min. 59), Fabi (Guerrero, min. 72) e Kevin
UCAM Murcia CF: Ackerman, José Ruiz, Jeremi (Sevila, min. 90), Javi Ramírez, Urcelay, Del Campo (Julito, min. 72), Luque (Amin, min. 90), Pablo Hernández, Ale Marín (Gonpi, min. 61), Alexis García (Segura, min. 72) e Miki Bosch
Árbitro: Gaizka Legarra Gorgoñón, do comité navarro. Amoestou a Marotías (min. 30), Mane (min. 34), Ale Marín (min. 36), Kevin (min. 44), Alfaro (min. 51), Gonpi (min. 75), Jose Ruiz (min. 90) e Alberto (min. 90)
Incidencias: partido de ida da primeira eliminatoria do play off de ascenso a Primera Federación disputado en ABANCA-RIAZOR ante 5.563 espectadores
