RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Empate que "sabe mal" dun Dépor ABANCA "con falta de contundencia nas dúas áreas" ante o Alhama CF

O Dépor ABANCA regresou á Liga F após o parón de 15 días este domingo 26 de abril en ABANCA-RIAZOR cun empate (2-2) ante o Alhama CF que "sabe mal", segundo apuntou Fran Alonso na rolda de prensa pospartido.

O técnico deportivista cre que "tivemos o control do partido pero con falta de contundencia bastante grande nas dúas áreas", lamentouse.

Con este resultado, As Nosas quedan con 27 puntos na 12ª posición da clasificación da categoría.

Foi baixa por lesión Millene; a canteirá Redru, que volveu da concentración de España sub-19 con molestias; e a última hora Lucía Martínez, con lumbalxia.

En canto ás internacionais que tiveron partidos coas súas seleccións nacionais nesta xanela FIFA (Inês Pereira, Espe Pizarro, Hildah Magaia e Lucía Rivas) todas tiveron minutos ao longo do encontro aínda que só Inês Pereira foi titular.

Ademais de Lucía Rivas, estreáronse nunha convocatoria co primeiro equipo as canteirás Antía Veiga e Carmen.

Pola súa banda, o Alhama CF chegaba a ABANCA-RIAZOR en 15ª posición con 9 puntos e con necesidade imperioso de gañar.

"Son un equipo moi intenso, coas ideas moi claras, un xogo moi vertical", apuntou o preparador deportivista.

A primeira ocasión clara do encontro foi para Henar. Controlou na frontal da área co peito un rexeite da defensa murciana e lanza un globo que se estrela no traveseiro da portería do Alhama CF.

No outro campo, respondeu Vega cun disparo cruzado que se estrela na cepa esquerda da meta de Inês Pereira e paséase pola raia de gol.

Á media hora adiántase o conxunto murciano. Belén, libre de marca, remata soa ante Inês Pereira un centro desde a banda esquerda de Vega.

Marisa tivo nas súas botas o empate. Recibe ás costas da defensa un gran pase de Paula Gutiérrez e a súa vaselina sobre a porteira Elena márchase lixeiramente alta.

Con todo, de novo o Dépor ABANCA foi capaz de reporse e, en apenas 2 minutos do desconto da primeira parte, darlle a volta ao partido.

Así, no minuto 48 Paula Gutiérrez subía o empate ao cabecear un centro desde a banda esquerda e aproveitar un erro na saída de Elena.

 Un minuto máis tarde, Bárbara Latorre, sobre o asubío do final da primeira parte, subía o 2-1. A atacante deportivista aproveitou outra mala saída de Elena. 

Con 2-1 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios seguiu o dominio deportivista, que chegou a alcanzar até un 72% de posesión.

Nunha das moitas ocasións, Marisa estrelou no pau dereito un man a man ante Elena.

O Alhama CF, na recta final, igualou cun tanto de Yiyi, que libre de marca fusila a Inês Pereira na frontal da área pequena.

Non houbo tempo para máis.

"Os seus dous goles foron dous erros moi grandes e logo tivemos ocasións para definir o partido e non as soubemos meter", resumiu Fran Alonso.

Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara, Raquel (Barth, min. 82), Elena, Vera, Henar (Marina Artero, min. 59), Paula Gutierrez, Olaya, Ainhoa Marín (Magaia, min. 82), Bárbara (Espe Pizarro, min. 59) e Marisa (Lucía Rivas, min. 74)

Alhama CF: Elena, Aitana, Judith, Yannel, Yiyi, Estefa (Raquel Pinel, min. 80), Astrid, Anita, Belén, María José (Encarni, min. 89) e Vega (Patri, min. 73)

Árbitra: Elisabeth Calvo Valentín, do comité madrileño. Amoestou a Henar Muiña (min. 49), Astrid (min. 62) e Marina Artero (min. 77)

Goles: 0-1 Belén (min. 34); 1-1 Paula Gutiérrez (min. 45+3); 2-1 Bárbara (min. 45+4); 2-2 Yiyi (min. 80)

Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 2.359 espectadores. Henar luciu un brazalete solidario en apoio ás persoas con síndrome de Asperger. Antes do encontro Samara Ortiz recibiu unha camiseta conmemorativa polos seus 100 partidos oficiais coa camiseta branquiazul