RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA regresa á liga este domingo 26 ás 12:00 ante o Alhama CF en ABANCA-RIAZOR "co deber, a ilusión e a responsabilidade de dar a mellor versión"

O Dépor ABANCA regresa á Liga F após o parón de 15 días este domingo 26 de abril ás 12:00 (Dazn e RTVE Play) en ABANCA-RIAZOR ante o Alhama CF, en partido correspondente á 26ª xornada.

As Nosas, con 26 puntos, ocupan a 12ª posición.

Fran Alonso asegura que encara o choque "con moita ilusión. Foron 2 semanas sen competición pero tivemos un amigable para recuperar sensacións".

O técnico deportivista lembra que "se logramos gañar adiantariamos ao equipo que agora mesmo está diante de nós (o RCD Espanyol con 28 puntos). É un partido con moitos alicientes".

É baixa por lesión Millene e a canteirá Redru, que volveu da concentración de España sub-19 con molestias, segundo apuntou Fran Alonso. 

Sobre as demais internacionais (Inês Pereira, Espe Pizarro, Hildah Magaia e Lucía Rivas) Fran Alonso comentou que "chegaron sen ningún problema. No caso de Espe ou Hildah viñeron con jet lag, de moi lonxe. Entón protexémoslles un pouco, modificamos as súas sesións".

Fran Alonso pensa que "sería precioso que os deportivistas viñesen a ABANCA-RIAZOR. Non só imos tentar conseguir os 3 puntos senón xogar ben". "Quédannos só 3 en ABANCA-RIAZOR, animaría a todo o mundo a que veña, a que celebre connosco esa permanencia matemática. Esperemos que haxa unha boa entrada e podámoslle dar un bo espectáculo", engadiu.

O vestiario branquiazul celebra ademais a progresiva incorporación de Cris Martínez, a súa capitá, aos adestramentos. A futbolista branquiazul xa fai tarefas co grupo.

Pola súa banda, o Alhama CF é 15º con 9 puntos. "É un equipo que o vai a dar todo. Xógase a vida. E nós temos o deber, a ilusión e a responsabilidade de dar a mellor versión; de representar a camiseta, o escudo con orgullo", advirte o preparador deportivista.

No partido da primeira volta disputado o 5 de outubro venceron as murcianas por 3-1 en "o peor partido do ano", tal e como o definiu o propio Fran Alonso.

Lonxe do seu campo o Alhama CF gañou ao DUX Logroño (2-4); empatou co Levante UD (0-0); e caeu co FC Barcelona (8-0), RCD Espanyol (3-0), Atlético de Madrid (4-0), Real Madrid CF (5-0), Real Sociedad (3-1), Sevilla FC (2-1), Granada CF (2-0), UD Costa Adeje Tenerife (1-0), Madrid CFF (5-0) e FC Badalona Women (3-2).  

O seu técnico, Randri García, manifestou que "foron semanas de traballar moito, buscando solucións para sumar e sabendo que agora empeza o bo. Quedan 5 xornadas, seguimos estando vivas para salvar a categoría e o domingo temos unha moi boa oportunidade de poder sumar de 3".

Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o luns 27 de abril ás 10:45 no Dépor Training Center.