RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

En Alcorcón chegou a primeira derrota (1-0)

O Deportivo sufriu a súa primeira derrota da temporada en LaLiga 1|2|3, ao ser derrotado pola mínima polo AD Alcorcón, mercé a un tanto cando a primeira metade do encontro tocaba ao seu fin.

O adestrador deportivista, Natxo González, efectuou un único cambio con respecto ao once que presentou de saída o pasado domingo na 4ª xornada de LaLiga 1|2|3, na vitoria ante o Sporting de Gijón en ABANCA-RIAZOR. Fede Cartabia entrou no equipo en lugar de Michael Krohn-Dehli.

Após uns primeiros minutos de maior control por parte do Dépor, no 10 chegou a primeira intervención dun porteiro. Foi Dani Giménez, que rexeitou a saque de esquina un potente disparo afastado de Juan Muñoz.

Catro minutos despois, de novo Juan Muñoz gozou dunha ocasión mellor se cabe, após quedar só, aínda que escorado, ante Dani Giménez. O dianteiro local cruzou en exceso o seu disparo, que se perdeu pola liña de fondo preto do poste esquerdo do portal coruñés.

Jonathan Pereira cabeceou desviado, cando se atopaba completamente só, un centro de Toribio. Corría o minuto 22 e o Dépor perdera xa a posesión do esférico, que duraba moi pouco tempo nos seus pés.

Os branquiazuis sacudíronse o control dos locais nos últimos minutos do primeiro período, aínda que non conseguiron poñer a proba ao porteiro local Dani Jiménez.

Con todo, cando se cumpría o minuto 43, o Alcorcón adiantouse no marcador. Jonathan Pereira centrou desde a dereita por baixo, Nono chegou desde detrás e o seu remate, após desvialo o pé dereito de Pablo Marí, aloxouse no fondo das mallas do marco de Dani Giménez.

Nada máis arrancar a segunda parte, Vicente Gómez evitou o segundo tanto local. O canario desviou levemente coa súa cabeza un durísimo disparo de Sangalli desde o bordo da área, após un córner raso.

Os herculinos responderon o minuto 52, nun gran avance de David Simón pola dereita, que centrou por baixo para Carlos Fernández. O dianteiro andaluz deixou cara á esquerda para incorporación de Diego Caballo, que soltou un potente lanzamento. Dani Jiménez desbaratou a oportunidade, desviando o coiro a córner.

Á hora de xogo, o colexiado non castigou como penalti unhas mans dentro da área de Burgos, que cortaron un centro de Didier Moreno. Ademais, suporía a expulsión do central arxentino, que xa tiña cartolina amarela.

Dez minutos máis tarde, Dani Giménez respondeu espectacularmente a un disparo de Sangalli que buscaba a cepa do poste esquerdo da portería coruñesa. O porteiro branquiazul, nun alarde de reflexos e axilidade, desviou o balón a córner.

A un cuarto de hora da conclusión, Carles Gil, que acababa de ingresar ao terreo de xogo en lugar de Álex Bergantiños, tivo unha clara ocasión, após unha deixada de Carlos Fernández a centro de Diego Caballo. O mediapunta valenciano disparou de socato, tratando de cruzar cara ao segundo pau, pero Dani Jiménez desviou o esférico co seu pé esquerdo.

Nos minutos finais, o Alcorcón pechou o partido coa entrada de Héctor Rodas, para formar unha defensa de cinco homes. A pesar dos intentos dun Dépor que acabou con dez por expulsión de Krohn-Dehli, o partido concluíu co triunfo pola mínima do equipo local.

AD Alcorcón: Dani Jiménez, Laure, Burgos, David Fernández, Bellvís, Sangalli, Toribio, Dorca, Nono, Jonathan Pereira (Héctor Rodas, min. 82) e Juan Muñoz (Víctor Casadesús, min. 75).

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Didier Moreno, Álex Bergantiños (Carles Gil, min. 68), Vicente Gómez, Pedro (Krohn-Dehli, min. 57), Fede Cartabia (Christian Santos, min. 75) e Carlos Fernández.

Gol: 1-0 Nono (min. 43).

Árbitro: Gorostegui Fernández-Ortega (c. vasco). Expulsou a Krohn-Dehli (min. 90+2). Cartón amarelo a Burgos (min. 15), Juan Muñoz (min. 20), Pedro (min. 20), Nono (min. 32), David Simón (min. 33), Toribio (min. 55), Didier Moreno (min. 64), Bellvís (min. 86), Krohn-Dehli (min. 86) e Héctor Rodas (min. 90+1).

Incidencias: partido correspondente á 5ª xornada de LaLiga 1|2|3 no campo de Santo Domingo ante 3.252 espectadores.