RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Esixente sesión física nunha mañá ideal de temperatura en Abegondo

O Deportivo incidiu esta mañá no traballo físico na única sesión prevista para hoxe martes 24 de xullo.

As condicións climáticas axudan ao esforzo que leva toda pretemporada, lonxe das altas temperaturas de gran parte da Península Ibérica. Así, os futbolistas branquiazuis, ademais das modélicas instalacións da Cidade Deportiva, atopáronse hoxe, do mesmo xeito que moitos días, cun ceo nubrado e cunha temperatura roldando os 22 graos.

A tarefa principal foi un circuíto de forza con disparos a portería no campo 2, supervisado polo preparador físico Julio Hernando.

A continuación, os xogadores realizaron un exercicio de posesión e, para concluír, remates a portería após centros polas dúas bandas.

Os internacionais Fabian Schär, Michael Krohn-Dehli e Francis realizaron unha parte da sesión co grupo.

Hoxe tiveron tratamento médico e de fisioterapia Gerard Valentín, Bicho, Álex Cobo e Albentosa, este con unha contusión nunha coxa. Saltaron ao céspede co readaptador Fran Molano: Borja Vale, Dubarbier e Carlos López.

Faltaron Diego Rolan, con permiso e Celso Borges.

Pola súa banda, hoxe estiveron ás ordes de Natxo González os canteiráns Diego Caballo, Uxío e o meta Ricardo.

A xornada arrincou na sala de vídeo, con media hora de repaso de conceptos tácticos.

Mañá haberá adestramento matinal en Abegondo (10:30 horas) e amigable, segundo da pretemporada, nas Eiroas (Carballo) fronte ao Bergantiños (20:00 horas).