Maratoniana xornada hoxe domingo para a expedición deportivista desprazada esta fin de semana a Catalunya.
O día arrincou ás 6:00 no Hotel Attica 21 Vallès, cuartel de concentración branquiazul en Sabadell.
Despois dun frugal almorzo, tocou desprazarse ao Aeropuero do O Prat - Josep Tarradellas e coller un avión con destino Santiago.
Con puntualidade británica, o autocar do equipo entrou na Cidade Deportiva ás 12:15, co tempo xusto para pasar polo vestiario e saltar ao campo número 2.
Após unhas breves palabras de Imanol Idiakez ao cadro, reunida en semicírculo ao redor do seu técnico sobre o mesmo céspede, o Deportivo arrincou a habitual sesión post-partido.
Os titulares onte tiveron unha xornada de recuperación, con estiramentos, ximnasio e paso pola padiola dos fisioterapeutas; aínda que antes completaron co resto a primeira parte da sesión: activación e rondos.
Os canteiráns que na Nova Creu Alta non saltaron ao terreo de xogo (Mella, Jairo, Rubén e Óscar Marotías) fóronse aos seus domicilios a descansar xa desde o aeroporto posto que esta tarde poranse a disposición de Óscar Gilsanz para o partido do Fabril ante o Zamora CF (17:00, Youtube RC Deportivo).
Martín Ochoa, ao saír de inicio, quedou no primeiro equipo. Do dianteiro rioxano falou Imanol Idiakez na sala de prensa onte: "Estou moi contento por Martín. Cremos moito na canteira de Abegondo. Temos aí un goleador. Estamos a acurtar prazos respecto da súa evolución natural pero cando hai problemas hai oportunidades. Tivemos o problema da lesión de Barbeiro e de Yeremay na zona de arriba. A semana pasada tentamos ver a relación que tiñamos de Lucas e Martín. Durounos 8 minutos até a expulsión de Pablo. Hoxe (por onte) con todo o partido, con sesenta e pico minutos, fixo un gran traballo, fixo o gol. Martín é gol e é unha boa noticia para nós".
Así pois, cos lesionados Ximo Navarro, Yeremay, Balenziaga e Barbero, o corpo técnico só puido traballar esta mañá con 9 futbolistas, entre eles 3 porteiros: Mackay, Germán, Alberto, Pablo Valcarce, Pablo Muñoz, Davo, Berto Cayarga, Dani Barcia e Pablo Martínez.
Para este reducido grupo de futbolistas a mañá consistiu nun exercicio de posesión, unha tarefa de finalizacións e fútbol en espacio reducido. Onte en zona mixta, Ian Mackay lembraba que "en fútbol a marxe de mellora é grande. Hoxe (por onte) o máis importante era sacar os 3 puntos e coller esa confianza que quizais non tiñamos".
Os Nosos descansan mañá luns e o martes; e regresan á Cidade Deportiva o mércores 25 a partir das 8:45 para almorzar xa na instalación e saltar ao céspede a partir das 10:30 horas.
A próxima cita no grupo 1º de Primera Federación para o Dépor será o domingo 29 de outubro ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR ante o Nàstic de Tarragona (TVG-2 e FEF TV).