RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Exitosa xornada de convivencia da Escola RC Deportivo

A Cidade Deportiva de Abegondo acolleu onte domingo 23 de maio unha xornada de convivencia entre máis dun centenar de nenos e nenas participantes nas escolas da Fundación Real Club Deportivo, que contan con sedes na Coruña, Caranza, Boiro, Bertamiráns e Cee.

A xornada desenvolveuse baixo un estrito protocolo de seguridade fronte ao COVID e comezou ás 15:30 coa chegada graduada dos participantes das diferentes sedes da Escola RC Deportivo.

Desde as 16:00 até as 16:30 formáronse os grupos onde puideron facer novas amizades con integrantes da Escola RC Deportivo doutros puntos de Galicia xogando a varios xogos tradicionais, todos eles con balón.

Ás 16:30 comezaron os partidos amigables de 4 contra 4. A competición levouse a cabo en 12 campos nos que participaron 26 equipos de diferentes categorías, todos eles nomeados en clave deportivista: dous equipos de biberóns (equipos Pauleta e Mauro Silva), catro de prebenxamíns (equipos Djalminha, Turu Flores, Valerón e Fran), nove de benxamíns (equipos Bergantiños, Adri Castro, Villares, Bebeto, Naybet, Makaay, Tristán, Pandiani e Donato), cinco de alevíns (equipos Luque, Andrade, Scaloni, Manuel Pablo e Capdevila) e seis de infantís (equipos Arsenio, Molina, Irureta, Songo'o, Rivaldo e Manjarín).

Por último, de 17:30 a 18:45, disputáronse os partidos de fútbol 8 en seis campos. Durante esta última fase, os participantes tiveron a visita de Fran González, Director de Fútbol Base do RC Deportivo que estivo presente observando o transcurso da xornada.

Para finalizar o día, os xogadores do primeiro equipo Adri Castro e Diego Villares, acompañados de Daniel Trasancos, integrante do RC Deportivo Genuine, participaron na clausura, onde puideron facerse unhas fotografías para o recordo con cada un dos grupos e realizar varios sorteos de agasallos para todos os nenos e nenas.

A Fundación RC Deportivo quere agradecer a comprensión e colaboración de todos os familiares para que a xornada levárase a cabo con éxito e aproveita para lembrarlles que as clases da Escola RC Deportivo finalizarán o próximo mes de xuño, seguindo o calendario escolar.

Para calquera dúbida ou consulta, os interesados poden contactar coa organización directamente na dirección de correo electrónico escola@rcdeportivo.es.