RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAHISTORIA

Falece Luis 'o Chato', icona branquiazul dos anos 60 e 70

Luis García Mosquera (13 de maio de 1945, Viveiro, Lugo), coñecido deportivamente como Luis e popularmente como 'o Chato', defensa deportivista durante máis dunha década nos anos 60 e 70, faleceu hoxe aos 78 anos de idade.

Luis incorporouse ás filas deportivistas en 1964, procedente do Liceo de Monelos, para xogar no Fabril, recentemente integrado definitivamente na estrutura do Club. Co filial deportivista completou catro campañas, nas que disputou 78 encontros oficiais e marcou 10 goles (unha desas temporadas xogou como dianteiro centro), todo iso en Terceira División.

Ao comezo do curso 1968-69 deu o salto ao primeiro equipo, recentemente ascendido a Primeira División. O seu debut produciuse o 15 de setembro de 1968 en La Rosaleda ante o CD Málaga (3-1), na 1ª xornada. Luis converteuse nun fixo para o adestrador Cheché Martín (foi titular en 27 dos 30 encontros de Liga), nunha campaña histórica, posto que o Deportivo acariñou a clasificación para a Copa de Ferias, precedente da Copa da UEFA.

Luis militou oito campañas no primeiro equipo deportivista, co que logrou o ascenso a Primeira División en 1971, grazas ao soado gol de Beci ante o Rayo Vallecano, e co que sufriu dous descensos a Segunda. Tamén experimentou o drama do primeiro descenso da historia do Club ao terceiro chanzo do fútbol nacional en 1974 pero igualmente foi parte activa no rápido regreso, 12 meses despois, á categoría de prata.

 

- Aliñación do Deportivo fronte ao CE Sabadell FC o 8 de marzo de 1970, un once clásico de finais dos 60 e comenzos dos 70. Arriba: Joanet, Belló, Luis, Cholo, Manolete e Domínguez. Abaixo: Cortés, Loureda, Chapela II, Cervera e Beci -

A súa última aparición oficial como branquiazul foi o 20 de marzo de 1976, no Heliodoro Rodríguez López ante o CD Tenerife (5-1), na 27ª xornada do Campionato de Segunda División. O curso seguinte, 1976-77, Luis fichou polo Getafe Deportivo.

'O Chato' disputou un total de 207 encontros (2 goles) co Deportivo, que o converten nun dos 46 futbolistas dos máis de mil da historia branquiazul que superou os 200 partidos oficiais co primeiro equipo deportivista.

O defensa vivariense participou en 100 partidos en Primera División, 69 en Segunda (nos que marcou os seus 2 únicos tantos), 19 en Tercera División e 19 en Copa de España. Durante os seus oito anos no Deportivo formou parte dun once tipo que experimentou moi poucas variacións, no que a defensa estivo formada case sempre por Belló, Luis e Cholo, xunto a outros indiscutibles como Manolete, Loureda, Cortés, Cervera ou Beci.

O RC Deportivo quere mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e excompañeros e compartir a súa dor con todo o deportivismo. DEP.