RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Fernando Soriano: Temos unha base importante do equipo e agora queda puntualizar algunha posición 

Fernando Soriano, Director Deportivo do Club, atendeu aos medios de comunicación onte venres, xusto antes de arrincar os amigables de pretemporada.

Vaticina "2, 3 incorporacións máis ao longo do mes de agosto. Queda un mes, queda tempo. Temos unha base importante do equipo e agora queda puntualizar algunha posición que si que podemos ter un pouquiño máis vacante". "Sabemos o que queremos. Temos claro o facer o mellor cadro competitivo posible, cos mellores xogadores, para logo tentar formar un bo equipo, un bo grupo, que iso é o que teñen que desde dentro, ir organizando o adestrador e os xogadores".

Recoñeceu que a saída de Arturo "está aí encima da mesa. Falamos co xogador e comentar que non se vai a contar con el. Segue adestrando connosco porque é un profesional incrible"; e, puntualiza que "a partir de aí, ninguén a día de hoxe comentou que queira saír. Os que o fixeron xa non están aquí".

Neste sentido, explica que "na zona de arriba temos agora mesmos 3 xogadores que poden ocupar a posición de dianteiro: Barbero, Lucas e Davo. Os 3 poden xogar na zona de ataque. Pode ser que se busque outro xogador máis nesa posición e a que si que está clara que estamos en procura é a do xogador 6, 8. Aí é certo que temos unha carencia de números".

Respecto dos sub-23, insiste en "ter un cadro con situacións nas que podamos promover ou provocar que os xogadores os nosos xerados aquí en Abegondo poidan ter o seu espazo", aínda que admite que na parcela defensiva "agora mesmo na casa estamos a ter un pouquiño máis de dificultades de poder formar ou de poder ter xogadores dese nivel. Si que se está buscando fose. Moitos equipos buscamos esas posicións e pode haber máis competencia, pero queda tempo e estamos ben cubertos nun momento determinado. Temos xogadores polivalentes que poden ocupar posicións nas que nun momento determinado agora parece que poden faltar. Incluso algún xogador do Fabril que se asinou agora que tamén estamos a ver que está a responder".

Recoñece que "cando firmas a alguén, á parte de condicións humanas, físicas, técnicas, tácticas, a polivalencia é un aspecto que adoitamos mirar bastante. Entón se me preguntas quen pode xogar na mediapunta diríache Lucas, Kuki, Narro, Davo, Isi se xogamos con 3 por dentro, Yeremay, incluso Diego Gómez. Podería nomear unha cantidade de xogadores importantes que poden xogar nesa posición. Que vai facer o adestrador? Non o sei. Contrátaselle para que tome esas decisións. Por sorte, a min non me toca. Eu teño que confeccionar o cadro para que el teña as opcións e o tomar esas decisións".

Fernando Soriano tamén valorou a última incorporación, a de José Ángel: "Fun compañeiro de José Ángel, adestrador e agora vén sendo eu Director Deportivo. É un xogador para min interesante sobre todo porque ten unhas condicións e unhas calidades que podían faltar nun momento determinado. Ten xa esa personalidade, esa idade, esa madurez que ha ir gañando co paso do tempo. Tamén xogou no estranxeiro. Iso tamén faiche ver as cousas doutra forma tamén. Persoalmente, humanamente maduraría e melloraría tamén as súas pretensións. Ten bo toque, boa calidade, balón parado, dános un pouquiño máis de altura para tentar tamén controlar ese xogo aéreo defensivo ou mesmo ofensivo. Vén de facer boas temporadas en Segunda División. Tamén coñece a Segunda B ou Primeira RFEF. Por moitas condicións era importante e espero que renda como esperamos del".

Finalmente, preguntado polo canteirán Dani Barcia, sostén que "o nivel que está a dar nos adestramentos paréceme altísimo. Estamos nese proceso de tentar chegar a un acordo. A idea é que continúe connosco moitísimo tempo. Cremos que é un xogador de futuro, de nivel, cunhas calidades importantes e cunha personalidade... Cando mete o pé, mete o pé. Logo hai que velo competir. Levamos 10 días e haberá que velo competir. Estou convencido que vai xogar moitos minutos. Hai que comprender tamén que é un rapaz novo, hai que ter paciencia. Cometerá erros, como os seus compañeiros e se cadra algún máis pola súa mocidade". "Barcia está aínda nun proceso moi cedo, pero o que está a demostrar é que ten ese pouso, ese saber estar que vaticina que vai ser un gran xogador", concluíu.