RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone: "Estou moi confiado neste equipo, no corpo técnico"

Florin Andone foi o encargado esta mañá de atender aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

Manifestou o dianteiro deportivista que está con moitas ganas de que o Dépor estree esta temporada o seu marcador de vitorias: "Pasaron tres xornadas, non puidemos gañar aínda. Estivemos moi preto en Levante, o outro día contra a Real Sociedad vímonos capaces de gañalo cando empatamos. Escapáronsenos puntos. Non tivemos a capacidade de sacar os tres puntos nestes últimos dous partidos porque no primeiro, contra o Real Madrid, foi máis complicado".

Por este motivo, advirte que o equipo branquiazul irá a Sevilla para medirse este sábado 16 de setembro ao Betis (18:30 horas, Bein LaLiga) "coa mentalidade de gañar. Un equipo moi forte, un estadio moi bonito para xogar. Moi difícil, pero coa mentalidade de gañar".

Confesa Andone que Pepe Mel xa falou aos seus xogadores do conxunto bético, no que desenvolveu boa parte da súa carreira futbolística e como adestrador: "Comentounos que o público aperta moito, se as cousas vanlles de cara o equipo crécese. Se nós temos a pelota, temos tranquilidade, xogamos mellor que eles empezan os asubíos, empézanlles a apertar".

O dianteiro deportivista, despois destas dúas derrotas e un empate, está convencido de que "aos poucos iremos crecendo porque temos o cadro pechado. Aos poucos ímonos coñecendo mellor. Isto tense que forxar a base de traballo e adestramentos".

Asegura que non está nervioso pola marcha do equipo: "Estou moi confiado neste equipo, no corpo técnico. De 9 puntos só temos 1, é verdade. Pero tranquilidade. Só son 3 xornadas. Quedan 35 partidos máis onde se poden sacar moitos puntos ou poucos".

Insiste o internacional romanés que "non se poden sacar moitas conclusións en 3 partidos". Por iso mesmo, pide "tranquilidade. As cousas van volver ao seu sitio. Estou convencido de que este equipo ten moito que falar".

Lembra que "non temos a Messi, nin a Cristiano Ronaldo nin a Neymar. Somos o que somos. Hai xogadores moi bos neste cadro. Temos que subir un pouco o nivel. Ímolo a facer. Estou seguro. Estamos na terceira xornada. Eu non estou nada nervioso, estou moi tranquilo. Vexo moito equipo, moitos xogadores con moitas ganas de sumar, de achegar cousas. Confiamos un noutro. Cos xogadores que somos aquí, a pequena familia que se creou, o bo ambiente que hai dentro do vestiario, imos sacalo adiante seguro. Cos partidos vaise a ir vendo".

Explica Florin Andone que o corpo técnico trata de realizar nos adestramentos "correccións en todas as posicións, defensivas, ofensivas, mediocampo... Temos que limar cousas para ser mellores, para axudarnos todos. O primeiro que defende no equipo é o dianteiro. Aquí todos defendemos, todos gañamos, todos perdemos. Somos un equipo e imos incluídos na mesma pota".