RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso ve "un futuro moi brillante para todas as seccións do RC Deportivo"

Fran Alonso, acompañado de Kevin Cabado, compareceu na sala de prensa do Dépor Training Center unha vez confirmada a súa saída do Dépor ABANCA o 30 de xuño.

Sentado á dereita do técnico madrileño, o responsable do Dépor ABANCA afirmou que "conseguimos cousas importantes xuntos. Temos que estar moi agradecidos ao seu traballo durante este tempo aquí".

Apunta que "a nivel deportivo conseguimos estabilizar o equipo na máxima categoría. Por primeira vez estamos 3 temporadas consecutivas en Liga F. O ano pasado conseguimos remontar unha situación complicada, salvarnos a falta de 1 xornada. Este ano demos un paso máis e a falta de 6 partidos a permanencia xa era matemática".

Máis aló, "sacamos o potencial das xogadoras. Son 11 internacionais as que tivemos. Iso marcou os pasos de cara ao futuro".

E finalmente, afirma Kevin Cabado, "unha pata importante do proxecto é a canteira e fortaleceuse máis que nunca. Máis de 3.000 minutos de canteirás na temporada actual en Liga F. Record absoluto".

Pola súa banda, Fran Alonso ten "palabras de agradecemento para a directiva, e para Kevin e Aitor. Na miña carreira tiven moitísima sorte. Estiven en grupos incribles de persoas pero a aventura en Estados Unidos non foi como esperaba. Cheguei a odiar o fútbol. Déronme a oportunidade de vir nun proxecto difícil, que estaba nese momento en descenso; pero confiaron en min, coñecín a este grupo fantástico de xogadoras e staff e fixéronme volver amar o fútbol".

Por conseguinte, confesa que "o meu agradecemento será para sempre. O meu compromiso era o primeiro ano salvar ao equipo e o segundo ano asentarnos. A situación é moito mellor. O club xa pode afrontar fichaxes para a temporada que vén sabendo que estaremos en Liga F. Voume triste por unha banda porque fixen deste grupo a miña familia. Vin só e voume deixando aquí á familia. Pero voume con orgullo, sabendo que os obxectivos os cumprimos. Aínda quedan 5 partidos para subir esa nota: dun ben ou un notable escalar a un sobresaliente". "Vin sen ser un fan do Dépor e voume definitivamente sendo un fan do Depor", concluíu.

Fran Alonso ve ao RC Deportivo como "un club ambicioso. ANOSAFORZA é moi apaixonada. Está moi arraigada á cultura de aquí, ao Club pero é esixente. Esa esixencia, unha vez que nos vestimos o escudo, é parte do noso ADN".

Insiste en que "teño contrato até o 30 de xuño e débome 100% ao Dépor ABANCA. Quero facelo o mellor posible".

O adestrador deportivista confesa que "o club vai estar sempre no meu corazón e que menos que dar o 120%".

Subliña que "agora mesmo o Fabril ascendeu. O Dépor ABANCA B está a un pequeno paso de manter a categoría. Son recentemente ascendidas e van salvar a categoría. Están moi cerquiña. O masculino estamos recendo para que logren ese ascenso directo. Agora mesmo están nunha boa posición. O Dépor ABANCA logrou a salvación matemática a falta de 5 partidos. Iso define o proxecto".

Conclúe que "temos unha presidencia que aposta moitísimo polo Club. Hai pouco estivemos na presentación do Dépor Training Center. O futuro é moi brillante. Non teño ningunha dúbida que o Dépor ABANCA vai seguir crecendo, que o ano que vén non só van asentarse en Liga F senón que van loitar por obxectivos maiores. Eu que estou dentro vexo un futuro moi brillante para todas as seccións do RC Deportivo".