Homenaxe no descanso do partido ao 5 Coruña Fútbol sala
O Dépor-SD Logroñés serviu para homenaxear ao equipo senior feminino do 5 Coruña Futbol Sala tras proclamarse campión galego e conseguir o ascenso á 2ª División Nacional RFEF do Futbol Sala Español. O RC Deportivo quixo así visibilizar os logros do deporte feminino coruñés, e poñer en valor un caso atípico no mundo do deporte, pois a pesar de que o 5 Coruña Futbol Sala é un dos clubes referencia no Futbol Sala Galego, o seu crecemento foise xestado aos poucos desde o ano 2012, o da súa fundación, ata conseguir alcanzar na actualidade unha estrutura masculina e feminina con 23 equipos e unha escola de iniciación, con equipos nas máximas categorías da especialidade.
O ascenso do equipo feminino foi un proceso similar, pois dende a categoría provincial á Segunda División Nacional pasaron 9 anos, 9 temporadas de esforzo, dedicación, compromiso e sobre todo #UnhaIdea. A 10ª temporada foi a vencida e será a de gozar da categoría nacional. Unha categoría na que a capitá do equipo, Leny López cumprirá a súa 10ª campaña capitaneando ao seu equipo, sendo a única xogadora en activo do grupo que iniciou este soño en 2012.
A temporada pasada foi quizais a máis difícil de todas. Coas dificultades para poder levar a cabo os seus adestramentos pola pandemia, incluso adestrando en instalacións ao aire libre con choiva, frio e saraiba, as xogadoras demostraron unha vez máis do seu compromiso e entusiasmo. É por iso que o RC Deportivo pretendeu con esta homenaxe mostrar un exemplo de como lograr un obxectivo a pesar das dificultades, leve o tempo que leve, a toda #AnosaForza, a todos os Deportivistas que hoxe brindaron un forte aplauso a todas as compoñentes de 5 Coruña Fútbol Sala.