Inés Altamira compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo unha vez asinada a súa renovación polo Dépor ABANCA para as dúas próximas temporadas.
A defensora branquiazul apuntou que "o principal que me levou a renovar foi o ver que hai un proxecto estable. Iso é moi necesario para que o xogador póidase desenvolver en total plenitude. Este proxecto é independente a que se consiga o ascenso ou o ano que vén sígase en Reto Iberdrola. Esas cousas dinse poucas veces e creo que ten moito valor e é moi importante".
Asegura que "desde o primeiro momento que se puxeron en contacto comigo, que foi en Nadal, estiven moi segura de que a decisión que quería tomar era continuar aquí".
Fixa no centro da zaga do Dépor ABANCA, indica que á hora de renovar "é obvio que todo xogador cando chega a un sitio novo quere sentirse importante e ter minutos. Nese aspecto tiven a sorte de poder estar a ser importante para o cadro, cousa que agradezo e é determinante á hora de querer seguir aquí".
Ademais, puntualiza que no proxecto "hai moitas cousas que non necesitei que me digan. Simplemente con vivilas día a día aquí foi suficiente. En decembro explicáronme o proxecto que tiñan. Vimos como semanas atrás xa renovou unha xogadora como é Ainhoa Marín, que ten unha importancia moi grande dentro deste cadro. Hoxe estou aquí eu e espero que dentro dunhas semanas estean máis compañeiras como estou hoxe aquí, que tamén son moi importantes de cara ao que vén. Iso di moitísimo do proxecto que se está facendo, cando tes xa a dúas xogadoras asinadas e moitas outras que lles encantaría tamén estar nesta situación a pesar de que nin sequera sabes se o equipo vai estar en Primeira División ou vai seguir en Reto. Iso pasa moi pouco, hai que darlle moito valor e ten que ser o que nos diferencie doutros proxectos".
Admite que á volta do Nadal, "o equipo mostrouse un pouco máis irregular, sobre todo despois da dinámica previa a esas vacacións. Pero o equipo está con moitísimas ganas de afrontar este sábado o partido (ás 12.00 en Abegondo fronte ao RCD Espanyol). É un partido clave, igual que serán os catro que quedan. Estamos a ver unha liga moi irregular. Está a custar que os equipos de arriba teñan continuidade coas vitorias e os de abaixo están a apertar moito. Estes 5 partidos que nos quedan son vitais para poder conseguir o noso obxectivo".
Subliña que o cadro ten "plena confianza" en Miguel Llorente e tamén recalca que o grupo está a adestrar "coas mesmas ganas que tiñamos antes ou mesmo máis".
En canto á recta final da temporada no grupo norte de Reto Iberdrola, sostén que "hai que gañar cada día, pero non agora tamén o deberiamos facer as semanas pasadas. É importante volver á senda da vitoria, sobre todo para coller boas sensacións e poder afrontar o tramo final de Liga da mellor maneira posible. Estamos a ver unha liga moi irregular, pode pasar calquera cousa. Estamos metidos seis ou sete equipos na pelexa polo ascenso e calquera punto vai ter unha importancia vital de aquí a final de temporada".
Finalmente, Inés Altamira manda unha mensaxe a #ANOSAFORZA de cara ao sábado: "Facemos un chamamento a toda a afección e a toda a xente a que veña porque para nós son importantísimos e necesitamos que Abegondo estea cheo até arriba para poder darnos ese empuxón final".
