RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ANOSACANTEIRA

José Rey foi titular coa selección española sub-17 no triunfo fronte a Marrocos

O deportivista José Rey está concentrado coa selección española sub-17 nun torneo internacional que se disputa na localidade murciana de San Pedro del Pinatar desde o pasado luns 4 ao 13 de setembro, con Marrocos, Portugal e Inglaterra como rivais.

O primeiro partido foi hoxe mércores ante Marrocos no Pinatar Area Stadium. José Rey foi titular nun partido que gañou España (2-1) con dous goles nos últimos minutos. O canteirán branquiazul estrelou un balón no pau nunha das mellores ocasións do combinado español.

A próxima cita para José Rey será o sábado ante Portugal, ás 11:00 no mesmo escenario.
 
O atacante branquiazul, que está no seu primeiro ano de xuvenil, xa xogou o ano pasado coa selección española sub-16, coa que gañou por exemplo no mes de novembro o Torneo Football Federations Cup en Alfaz do Pi.

José Rey regresará á Coruña o mércores 13.

O calendario dos partidos de España, todos eles no Pinatar Area Stadium, é o seguinte:

Mércores 6 de setembro
ESPAÑA 2 - MARROCOS 1

Sábado 9 de setembro
11:00: PORTUGAL - ESPAÑA

Martes 12 de setembro
18:00: INGLATERRA - ESPAÑA

David Mella e Kevin adestráronse até hoxe mércores coa selección española sub-19

David Mella e Kevin Sánchez finalizaron hoxe mércores unha concentración coa selección española sub-19 na localidade alacantina de Alfaz do Pi.

Mella, que acaba de renovar o seu contrato no Dépor até 2026 e marcou en Lugo o pasado sábado o seu primeiro gol co Deportivo, xa participou en setembro de 2022 nun torneo en Turquía coa selección sub-18 e anteriormente, en maio, no campionato de Europa sub-17.

Pola súa banda, Kevin Sánchez, deportivista até xuño de 2028 e con minutos co filial en Avilés no primeiro partido en Segunda Federación, foi convocado en varias ocasións pola selección española Sub-18, coa que participou en 5 partidos.

Ambos os futbolistas incorporaranse aos adestramentos do Club o venres, posto que chegarán á Coruña ao longo de mañá xoves.

Iano Simão, ante Serra Leona

O lateral fabrilista foi citado pola selección nacional de Guinea-Bisáu con motivo dun partido clasificatorio para a Copa de África ante Sierra Leona.

O encontro disputarase o luns 11 de setembro ás 18:00 (hora local, 20:00 en Galicia) no Estadio Nacional de Bisáu.

Despois de 5 partidos no seu grupo, os guineanos son segundos con 10 puntos, por detrás de Nigeria, que ten 12. Sierra Leona ten 5 puntos e pecha a clasificación Santo Tome e Príncipe con 1 punto.

Iano Simão, titular en Avilés co Fabril, permanecerá co seu combinado nacional até o martes 12 e, por conseguinte, será baixa no encontro deste domingo ás 13:00 en Abegondo ante o Rayo Cantabria pertencente á 2ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.