RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Juergen Elitim avanza na súa recuperación e comeza a facer tarefas co grupo

Boas novas no adestramento do Deportivo desta mañá en Abegondo. Juergen Elitim avanza na súa recuperación da lesión que sufriu nos isquiotibiais da súa perna dereita e hoxe comezou a facer tarefas co grupo.

O centrocampista branquiazul integrouse co resto dos seus compañeiros durante o quecemento e nun exercicio de rondos con desprazamento.

A continuación, mentres o resto do cadro completaba un partido táctico a metade do campo 2 e outro a tres cuartas partes de campo, Elitim continuou cos exercicios de readaptación física baixo a supervisión do readaptador Álex Canosa entre o céspede e o ximnasio.

A pouco máis dunha semana de arrancar a liga en 1ª RFEF contra o RC Celta B en ABANCA-RIAZOR (sábado 28 ou domingo 29), os Servizos Médicos do Club que dirixe o doutor Carlos Lariño non queren correr ningún risco coa súa evolución e o colombiano vai ser baixa para os dous últimos amigables de pretemporada previstos para esta semana: venres 20 de agosto (19:00 horas) no campo de Espiñedo de Carballiño ante o CD Arenteiro e o sábado 21 de agosto (19:00 horas) no campo de Vista Alegre de Ordes fronte ao Pontevedra CF.

Tamén o canteirán Trilli, que onte non traballou no céspede debido a unhas molestias nos isquiotibiais, seguiu a mesma folla de ruta de Elitim, establecida en ambos os casos polos Servizos Médicos do Real Club Deportivo. O campión de España xuvenil retirouse do campo esta mañá para completar a xornada no ximnasio da instalación.

Ademais, Valín tivo adestramento específico tamén no ximnasio; mentres que Uche e Fede Cartabia teñen permiso para non adestrar co grupo.

O porteiro Alberto, Noel e Yeremay foron os representantes de #ANOSACANTEIRA hoxe mércores.

Mañá xoves 19 de agosto está programada unha nova sesión de traballo para o primeiro equipo, a partir das 10:30 en Abegondo.