RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ANOSACANTEIRA

Lucía Rivas e Redru completaron esta semana unha serie de adestramentos coa selección española sub-19

-Foto:@https://x.com/SEFutbolFem

 

Lucía Rivas e Paula Redruello 'Redru' (na foto da noticia) estiveron concentradas coa selección española sub-19 para uns adestramentos que tiveron lugar na Ciudad del Fútbol de Las Rozas (Madrid) até este mércores 28 de xaneiro.

As canteirás prepararon co resto de internacionais os compromisos de abril ante Portugal, Irlanda do Norte e Hungría correspondentes á Rolda 2 de clasificación para a fase final do Europeo que se disputará entre o 27 de xuño e o 10 de xullo en Bosnia e Herzegovina.

Até a data, Redru suma 9 partidos, todos eles de titular, co Deportivo ABANCA B en Segunda Federación, con 1 gol anotado.

En Liga F, Paula Redruello tamén participou esta campaña en 10 partidos, 3 deles formando no once inicial.

Pola súa banda Lucía Rivas, ademais de internacional sub-16, proclamouse campioa de Europa sub-17.

Debutou co primeiro equipo o 7 de xaneiro de 2024 no Dépor Training Center ante o CD Alba Fundación Feminino. Esta mesma temporada (2023-24), participou noutros 8 encontros co Deportivo ABANCA en Primera Federación Iberdrola.

Despois de superar unha lesión de xeonllo que a tivo varios meses á marxe do grupo, esta temporada Lucía Rivas suma 5 partidos en Liga F, 1 deles de titular, o do pasado domingo en Las Gaunas ante o DUX Logroño. Neste choque ademais marcou o seu primeiro gol e deu a súa primeira asistencia na máxima categoría.

En Segunda Federación co filial, Lucía Rivas xogou 7 partidos, 5 deles como titular.

Fran Alonso apuntou sobre a atacante deportivista que en Logroño "deunos moitísimo. Foi valente, encarou... É un orgullo para todo o equipo".

Está convencido o técnico deportivista que o de Las Gaunas "seguro que é o primeiro de moitos. Estamos orgullosísimos dela"; á vez que afirma que "cando é unha xogadora formada en casa sempre é un sabor máis especial. A seguir traballando. Ten moito que mellorar pero está nun sitio onde a queren, onde a coidan".