Mario Soriano Carreño (Alcalá de Henares, Madrid, 22 de abril de 2002) foi presentado esta mañá após renovar o seu contrato co Dépor por catro temporadas, até xuño de 2028, con opción a unha campaña máis.
Após pousar para os medios gráficos no campo principal de Abegondo, Fernando Soriano, Director Deportivo, manifestou que "ao longo da nosa relación pasamos polos nosos máis e os nosos menos, pero agora a confianza de Mario no Deportivo que demostrou foi máxima. Houbo propostas mesmo de equipos de superior categoría, que en ningún momento quixo escoitar nin tanto o xogador nin o Deportivo. Finalmente conseguimos un acordo no que vai estar connosco moito tempo; desexándolle o mellor, que siga crecendo como creceu a temporada pasada; e esperando que siga sumando triunfos e éxitos co Deportivo".
Pola súa banda, Mario Soriano explica que a súa renovación se debe a que "estou moi feliz aquí, a que (o Dépor) é un grandísimo club. Eu quería volver. Estivemos a falar, estivemos a negociar con Soriano. Esta renovación é moi boa para min e para o Club, para seguir crecendo xuntos. Oxalá que vaia todo súper ben e que siga toda a vida aquí".
Nesta liña, confesou estar "moi feliz coa miña volta, con volver estar aquí, cos meus compañeiros, con Abegondo un pouco cambiado, con ganas xa de xogar de novo en ABANCA-RIAZOR e de que empece a temporada. Estou moi feliz de volver estar aquí".
O futbolista madrileño márcase como obxectivo en Segunda División "traballar día a día, dar todo para o equipo, axudar. Esta categoría é moi difícil, moi longa. Ademais este ano vai ser moi difícil porque hai equipos moi grandes. Subiron equipos históricos. A segunda é sempre moi igualada e nada, con ganas de empezar".
Insiste en que "os detalles son os que marcan a diferenza entre categorías. Nesta categoría calquera equipo pódeche gañar. Os equipos que se cadra están abaixo a metade de temporada pódenche quitar puntos. Está moi igualada e calquera detalle que marque o partido pode ser bo ou malo que che faga perder ou gañar".
Da súa cesión á SD Eibar a campaña pasada, desvela que "quería probarme, quería xogar no fútbol profesional. Déuseme esa oportunidade de ir á SD Eibar, que estou súper agradecido á presidenta Amaya (Gorostiza), a César (Palacios, Director Deportivo do club vasco) ao corpo técnico pola confianza que me deron. Deuse unha temporada moi boa. Ao final acabou da maneira que acabou, pero a nivel individual crecín moitísimo e veño con esa pequena experiencia de estar 1 ano en Segunda porque é boa para o Club". "Ninguén se esperaba de min a temporada pasada o que dei, pero son un xogador intelixente que me movo ben en 3/4. A xente que me coñece sábeo. Tamén decisivamente son un xogador que traballa", engadiu.
Compartindo vestiario con futbolistas en crecemento como Yeremay, Mella... opina que "a competencia vai ser moi boa para todo o equipo. Iso vai facer que cada adestramento esteamos a adestrar ao máximo. Son xogadores dun gran nivel. Con Yeremay e con Lucas xa xoguei; e asocieime moi ben, entendinme moi ben. Vai ser bo para o Dépor, para o Club e tamén para o míster. Vai ter moitas dúbidas porque somos xogadores moi bos, pero como sempre di moita xente os xogadores bos no campo teñen que estar e enténdense sempre".
Finalmente Mario Soriano ve que no cadro actual "hai nivel" e conclúe a súa comparecencia cunhas palabras para #ANOSAFORZA: "Teño ganas de velos, como animan, como nos apoian, como son o xogador número 12, como nos acompañan a todos os partidos; e o máis lonxe tamén sempre hai moitísima xente. Animarlles a que vai ser unha temporada moi bonita, ímolos a necesitar en todos os partidos e seguro que lle imos a dar unha alegría".
