RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Martí quere en Zaragoza un Dépor "ordenado, equilibrado, vertical, que busque a portería canto antes"

José Luis Martí vaticinou mañá sábado 4 de maio ante o Real Zaragoza (18:00 horas, Movistar Partidazo) en La Romareda "un partido parecido ao da fin de semana pasada" no Nuevo Estadio de Los Pajaritos de Soria.

O técnico deportivista destacou do conxunto maño que "ten moitísima posesión de balón. É un dos equipos que máis posesión ten, que máis pases realiza. Acumula moitos xogadores na zona de ataque. Está condicionado por esa clasificación. É certo que a medida que pasan as xornadas está moito máis tranquilo. Pero é un equipo grande, que ten moi bos futbolistas. Sabe finalizar, busca a través da combinación a finalización".

Pide o adestrador branquiazul aos seus xogadores ser "un equipo ordenado, moi xunto, saber recuperar o balón nas transicións pero quitarlle o balón (ao Real Zaragoza) e ser protagonistas co mesmo".

Do último triunfo ante o CD Numancia, Martí subliña que "fixemos o noso traballo, que foi conseguir unha vitoria. Iso xa está pasado, que é o que tentamos inculcar aos futbolistas. Sumamos 3 puntos e tivemos unha semana para traballar o partido co Real Zaragoza. Estivemos traballando con moitísima intensidade, compromiso e actitude por parte dos futbolistas".

Insiste unha e outra vez en cada comparecencia pública en ir "semana a semana, partido a partido. Para o noso obxectivo, todo pasa por gañar cada fin de semana". "Pensamos en ser capaces de ofrecer o noso fútbol, en volver ser un equipo solidario, ordenado, con moitísimo equilibrio. Saber cando ten que presionar e onde facelo. E sobre todo cando teña o balón, ter a personalidade que ten para tentar buscar a vitoria", engade.

Recalca que "a idea vai ser a mesma independentemente dos nomes que aparezan. Non imos cambiar a filosofía de tentar ser un equipo ordenado, equilibrado, vertical, que busque a portería canto antes. E sobre todo que sexa un equipo agresivo á hora da recuperación".

Asegura que os futbolistas branquiazuis están con confianza: "Temos que partir dunha idea moi clara, o erro é humano. Os xogadores vanse a equivocar, e o contrario tamén xoga. O importante é que iso non nos afecte; que o volvamos a tentar; que saibamos que se unha xogada está pasada, pensemos na seguinte; e tentemos reaccionar ante eses erros que se poden producir porque se producen durante o partido. Temos que ir xerando esa confianza, que se vaian soltando máis e así mo transmiten nos adestramentos".

Confesa que para illar ao vestiario da presión da contorna "dígolles aos xogadores que só podemos gañar este partido. Só podemos prepararnos día a día. O día que adestramos temos que traballar ao 120 por cento para chegar nas mellores condicións a competir".