RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA cae ante a Real Sociedad nun partido no que fixo méritos para máis

O Deportivo ABANCA pasou esta mañá con boa nota, pese ao resultado, un duro test de pretemporada no Estadio Román Suárez Puerta de Avilés. Caeu (4-0) fronte á potente Real Sociedad, quinta clasificada a pasada campaña na Primera Iberdrola, só superada polo FC Barcelona, Real Madrid, Levante UD e Atlético de Madrid.

As donostiarras chegaban ao partido despois de de derrotar ao Real Madrid (2-0) na gran final do Torneo Leche Gaza disputado na localidade leonesa de Ponte Castro. Anteriormente, en semifinais, impuxéronse (2-1) ao Madrid CFF.

O choque de hoxe foi o terceiro do verán para as branquiazuis, e serviu para o reencontro de dous ex deportivistas como Nuria Rábano e Iris Arnaiz coas súas antigas compañeiras, aínda que poucas integrantes do vestiario deportivista coincidiron coas agora realistas.

Un empate (0-0) ante o Valadares Gaia FC no Trofeo Teresa Herrera e un triunfo (0-1) fronte ao Viaxes InterRías FF eran até agora o balance do equipo dirixido por Miguel Llorente neste verán.

Esta mañá en Avilés, os méritos do Dépor ABANCA foron para un resultado ben distinto. As Nosas empezaron dominando con claridade o partido con ocasións moi claras e un gol anulado. A posesión era branquiazul pero o acerto foi do rival: Franssi no minuto 22, e xusto 22 despois Cecilia puxeron o resultado co que se chegou ao descanso (2-0). 

Após o descanso chegaron os cambios. A Real conseguiu por momentos arrebatar o balón ao deportivistas pero as coruñesas mantiveron a súa idea de xogo e seguiron fabricando ocasións con balóns verticais.

A vinte minutos do final o conxunto vasco fixo o terceiro por mediación de Claudia e o último foi case no minuto 90, obra de Mirari.

En definitiva, proba interesante para un Dépor ABANCA que continúa coas súas boas sensacións a pesar hoxe da entidade do rival.

Deportivo ABANCA: Ana Valles, María Figueroa (Cris, min. 32), Inés, Raquel, Patri López (Sierra, min. 68), Paula Gutiérrez, Jone Ibáñez 'Ibi' (Paula Monteagudo, min. 88), María Ruiz (Eva Dios, min. 73), Alejandra Serrano 'Ale' (Goretti, min. 88), Tati (Carlota, min. 68) e Aroa (Alba Merino, min. 54).