RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA finaliza a primeira semana de pretemporada nunha traiñeira do Club de Regatas Salgado Perillo

O Dépor ABANCA puxo o punto e final á primeira semana de pretemporada sobre as augas da Ría da Coruña.

Este sábado 19 de xullo, As Nosas cambiaron o balón e o céspede de Abegondo polas traiñeiras do Club de Regatas Salgado Perillo.

A xornada arrincou en terra cunha clase teórica de remo para as xogadoras e técnicos branquiazuis impartida polos monitores e monitoras do club coruñés.

A continuación, e após levar a embarcación á auga entre todos, un grupo de futbolistas e técnicos competían en dúas traiñeiras na auga mentres que o outro grupo facíao nas instalacións do Club co ergómetro.

Para maior efectividade do exercicio, os patróns e algúns dos remeiros de cada traiñeira eran integrantes do Club de Regatas Salgado Perillo.

Desta forma, o Dépor ABANCA gozou dun sábado diferente para concluír esta primeira semana de pretemporada practicando un deporte tradicional en Galicia no que o compañeirismo e o traballo en equipo é fundamental.

As Nosas descansan este domingo 20 de xullo e regresan aos adestramentos o luns 21 de xullo ás 10:30 en Abegondo.