O Dépor ABANCA venceu 0-4 este domingo 25 de xaneiro ao DUX Logroño en partido correspondente á 17ª xornada na liga F.
Desta forma, o conxunto que prepara Fran Alonso aproba con sobresaliente a súa materia pendente ao lograr a súa primeira vitoria lonxe de ABANCA-RIAZOR.
Fran Alonso mostrouse na rolda de prensa pospartido "moi orgulloso de todas as xogadoras, staff... Foi un moi boa fin de semana. Xa a semana de preparación foi buenísima", advertiu.
Con este resultado, As Nosas suman 17 puntos situados na 12ª posición e afástanse en 11 puntos das posicións de descenso.
O técnico deportivista admitiu que "para nós era unha final porque significaba distanciarnos a 5 partidos do descenso, son 4 pero co golaverage serían 5".
Foron baixa por lesión Millene e Henar; aínda que Fran Alonso recuperou a Marisa e Merle Barth, con minutos de xogo.
Michi Apóstol, Barreda, Redru e Lucía Rivas, estas dúas últimas recentemente convocadas para uns adestramentos coa selección española sub-19, foron as representantes de ANOSACANTEIRA.
Lucía Rivas foi titular por primeira vez, anotou o seu primeiro gol e deu a súa primeira asistencia en Liga F. Redru saltou ao céspede ao longo da segunda metade.
Pola súa banda, o DUX Logroño chegaba ao partido con 6 puntos na 15º posición pero con novas incorporacións neste mercado invernal como as centrocampistas arxentinas Cata e Giménez; a lateral esquerda Martín e a dianteira francesa Scannapieco.
"Non gañara en liga pero estaba a crecer. Un equipo moi físico e de moita altura", manifestou o preparador deportivista do cadro rioxano.
Saíu moi forte o Dépor ABANCA en Las Gaunas.
"Gañámoslles moitos duelos. E lemos moi ben o partido", apuntou Fran Alonso.
Ainhoa Marín estivo a piques de marcar aos 30 segundos cun disparo que se foi rozando o pau esquerdo da meta da ex deportivista Miralles.
Pouco despois repetiu a internacional deportivista e Paula Gutiérrez pero detivo en ambas as ocasións a gardameta rioxana.
A primeira oportunidade local foi unha arrancada de Mawete. A atacante rioxana métese na área, regatea a Vera e dispara demasiado alto.
As Nosas adiantáronse no marcador aos 16 minutos. Ainhoa Marín conduce o balón até a frontal da área e cede á súa dereita a Espe Pizarro, que xuta ao recanto dereito do DUX Logroño. Imparable.
Aos 24 minutos, após outro roubo de balón, Lucía Rivas chega case até a liña de fondo e mete un pase ao corazón da área pequena para que Paula Gutiérrez empuxe a pracer á rede.
Con 0-2 e o partido encarrilado chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, o Dépor ABANCA seguiu coa iniciativa no xogo.
Nada máis arrincar, Ainhoa Marín perdoa un man a man ante Miralles noutro gran pase de Lucía Rivas.
Espe Pizarro sentenciou o encontro no minuto 57. Recolleu un balón morto na frontal e colócao no pau dereito lonxe de Miralles.
E unha das grandes promesas de ANOSACANTEIRA, Lucía Rivas, pechou a conta goleadora no minuto 64 ao culminar outra gran transición deportivista.
Fran Alonso, con todo visto para sentenza, dá entrada a Marisa e Michi Apóstol por Lucía Rivas e Espe Pizarro.
Partido concluído con media hora por diante e 3 puntos de ouro que veñen para o Dépor Training Center.
O adestrador do Dépor ABANCA cre que o resultado é "espectacular. En Liga F para un equipo como nós é moi difícil. Ten moitísimo mérito".
DUX Logroño: Miralles, Colomina, Marta, Scannapieco (Laura M., min. 46), Isina, Martín (Annelie, min. 59), Falfán (Rebeca, min. 46), Mawete, Sandra (Giménez, min. 79), Valderas e Salomé (Asenjo, min. 72)
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara (Raquel, min. 46), Barth, Elena, Vera, Lucía Martínez (Redru, min. 46), Paula Gutiérrez (Eva Dios, min. 75), Olaya, Ainhoa Marín, Lucía Rivas (Michi Apóstol, min. 68) e Espe Pizarro (Marisa, min. 68)
Árbitra: Elisabeth Calvo, do comité madrileño. Amoestou a Lucía Martínez (min. 41)
Goles: 0-1 Espe Pizarro (min. 16); 0-2 Paula Gutiérrez (min. 24); 0-3 Espe Pizarro (min. 57); 0-4 Lucía Rivas (min. 64)
Incidencias: partido disputado no Estadio de Las Gaunas. Gardouse un minuto de silencio en memoria dos falecidos nos accidentes de tren en Andalucía e Catalunya
